ALLARIZ ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON CADETE POR SELECCIÓNS AUTONÓMICAS

28 de Xuño de 2014

Allariz acolle esta fin de semana o Campionato de España de Tríatlon Cadete por Seleccións Autonómicas, no que Galicia parte coma favorita para loitar polo podio. E máis despois do éxito acadado o pasado ano, onde Galicia arrasou tanto a nivel individual coma de equipos, aínda que nestas categorías inferiores é moito máis complicado establecer favoritos.

Este ano haberá novidades no formato. A proba individual será en formato tríatlon (ata agora era acuatlón) e a de relevos será unha única proba e mixta (ata agora eran dúas, masculina e feminina). O sábado 28 celebrarase a proba individual cadete, na que os deportistas terán que facer 750 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2,5 de carreira a pe.

En total están inscritas 15 comunidades autónomas nas probas masculina e feminina, e cada autonomía pode presentar ata catro deportistas por categoría. Galicia presenta unha selección moi competitiva: Na categoría feminina (11:00 horas) participarán Carmen Gómez (campioa no 2013), Inés Santiago, Carla Castaño e Sara Guerrero, mentres que na masculina (12:15 horas) os protagonistas serán Marcos Ruíz, Víctor Souto, Alejandro Pardo e Carlos Brión (que é o novo, xa que entra en lugar de Andrés Cendán, que logrou o título individual o pasado ano).

 

O domingo 29 de xuño (11:00 horas) celebrarase a proba de relevos mixto, na que participarán equipos formados por dous homes e dúas mulleres que realizarán un mini-tríatlon. Cada deportista terá que facer 300 metros de natación, 5 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pe.

 

O campionato celebrarase en Allariz, unha fermosa vila onde viven de forma moi especial o tríatlon e proba diso é a celebración de probas de tríatlon dende fai 25 anos de forma ininterrompida.

 

2013. As e os deportistas galegos gañaron todo o que estaba en xogo en A´Alfás del Pi (Valencia), onde se celebrou o Campionato de España de Tríatlon por seleccións autonómicas na categoría cadete 2013. Galicia gañou a proba de acuatlón individual e proclamouse campioa no  tríatlon escolar por relevos tanto na categoría masculina coma feminina. Sen dúbida o mellor resultado da historia da Federación Galega de Tríatlon neste campionato escolar.

 

 

Quizáis che interese…