A cidade de Pontevedra viviu este sábado unha auténtica festa do duatlón coa celebración do Campionato do Mundo, que abriu o calendario do Mundial Multideporte 2025. A xornada deixounos unha excelente actuación dos e das deportistas galegos, cun destacado bronce para Antonio Serrat Seoane (Cidade de Lugo Fluvial), vigués federado pola Federación Galega de Tríatlon, na proba élite masculina.
Serrat estivo sempre entre os primeiros nunha carreira moi igualada, rematando terceiro con 1h14:41, por detrás do francés Benjamin Choquert (1º) e do belga Arnaud Dely (2º).
Podio Elite Masculino:
- Benjamin Choquert (FRA) – 1h14:37
- Arnaud Dely (BEL) – 1h14:41
- Antonio Serrat Seoane (ESP) – 1h14:41
Na categoría élite feminina, a española María Varo logrou unha meritoria prata tras liderar boa parte da proba e ser superada nos metros finais pola italiana Giorgia Priarone, que se fixo co ouro. A francesa Camille Laurent completou o podio e proclamouse tamén campioa do mundo sub-23.
A galega Sara Reimondo (Cidade de Lugo Fluvial) finalizou 11ª, competindo con firmeza no grupo dianteiro nos primeiros segmentos da carreira.
Podio Elite Feminina:
- Giorgia Priarone (ITA) – 1h24:40
- María Varo Zubiri (ESP) – 1h24:45
- Camille Laurent (FRA) – 1h24:52
Na categoría júnior, tamén houbo presenza destacada da delegación galega. Damián Suárez (Club Deportivo Delikia) asinou unha excelente 5ª posición, nunha proba dominada polo neozelandés Caleb Wagener.
Na carreira feminina, dúas españolas subiron ao podio: Cristina Jiménez-Orta, que se proclamou campioa do mundo júnior, e María Tenorio, bronce. A italiana Licia Ferrari foi prata.
Podio Júnior Masculino:
- Caleb Wagener (NZL)
- Nicholas Horne (RSA)
- Emiliano Tassinari (ITA)
Podio Júnior Feminino:
- Cristina Jiménez-Orta (ESP)
- Licia Ferrari (ITA)
- María Tenorio (ESP)
Tamén competiu en categoría sub-23 o galego Jarno Pousada (Cidade de Lugo Fluvial), quen terminou en 11ª posición, sumando experiencia internacional nun escenario de máximo nivel.
Desde a Federación Galega de Tríatlon queremos felicitar a todos os nosos deportistas pola súa entrega e competitividade, deixando unha excelente imaxe do noso tríatlon nesta cita mundialista celebrada na casa. O ambiente e a participación foron extraordinarios, e a cidade de Pontevedra demostrou unha vez máis a súa capacidade para acoller eventos de alto nivel.