Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) logrou hoxe o bronce na primeira Copa de Europa de Tríatlon desta tempada, que se celebrou en Gran Canaria. Con este resultado, o vigués achégase un pouquiño máis ás Series Mundiais, ao ser o primeiro español clasificado.
A primeira das probas en celebrarase foi a feminina, con ata oito deportistas con licenza galega. Todas remataron a carreira e iso era o que se pretendía no caso das júnior (Iria Rodríguez e Inés Castaño) ou de Carla Castaño, que participaba na súa primeira Copa de Europa.
A mellor clasificada foi Inés Santiago (Tríatlon Ferrol), que logrou meterse no top-20 (foi 17ª) e sumou así puntos ITU. A ferrolá saíu bastante ben colocada da auga, pero non fixo unha boa transición e quedou fóra do primeiro grupo na bicicleta. Desta forma rematou 17ª cun tempo final de 1:06:28. O caso de Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) foi ao revés, xa que saíu máis retrasada da auga e foi remontando, sobre todo na carreira a pe, ata alcanzar o posto 19º.
Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol), que tamén fixo un bo primeiro segmento, pero perdeu uns segundos moi importantes na transición. Na carreira a pe non tivo moi boas sensacións (sae dunha lesión) e chegou a meta na 23ª posición. Pola súa banda, Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) foi 27ª e Sara Guerrero, 29ª, todas elas entre as 30 primeiras. Ademais, Iria Rodríguez (38ª), Inés Castaño (42ª) e Carla Castaño (47ª).
Na carreira masculina, magnífica actuación de Antonio Serrat que foi de menos a máis para rematar cun bronce nun emocionante final con Pevtsov, que lle arrebatou a prata nos últimos metros.
Non foi unha proba sinxela. A natación foi dura, xa que o mar estaba moi revolto e desgastaba aos deportistas. Antonio Serrat estivo metido no primeiro grupo da bicicleta e así saíu a correr sétimo a uns 16 segundos do deportista que ía na primeira posición, o suízo Adrien Briffod. Na carreira a pe, o británico Izzard logrou superar ao suízo e manter unha distancia duns 20 segundos sobre os que viñan por detrás, onde Antonio tamén estaba en liña ascendente e foi recuperando posicións ata colocarse segundo, a uns 15 segundos do líder, a falta dun quilómetro. Pero nos metros finais, chegou coma unha exhalación Rostislav Pevtsov, para adiantalo nos metros finais. Serrat explicou que as sensacións correndo non foron moi boas, pero pese a todo loitou ata o final para acadar ese bronce e ser o primeiro español.
Tamén hai que destacar o 19º posto de Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial), que logrou sumar puntos ITU, mentres que Uxío Abuín tivo que retirarse por unha picada na bicicleta.
A proba celebrouse sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe) e a natación foi moi dura, xa que o mar estaba moi revolto.