ANTONIO SERRAT, QUINTO NO CAMPIONATO DE EUROPA SUB 23 EN HUNGRÍA

5 de Agosto de 2017

Magnífico traballo dos catro galegos (Antonio Serrat, Camila Alonso, Carmen Gómez e Inés Santiago) presentes no Campionato de Europa sub 23, que se celebrou hoxe en Velence (Hungría). Antonio Serrat, que foi quinto, estivo moi preto das medallas, que se lle escaparon no tramo final da carreira a pe, mentres que Camila Alonso foi décima (cun segmento de carreira a pe espectacular), Inés Santiago chegou na undécima posición e Carmen Gómez, 17ª. A proba disputouse sobre a distancia sprint polas altas temperaturas.

Antonio Serrat fixo unha proba espectacular dende o inicio. Saíu da auga na terceira posición e entrou no grupo de cabeza formado por seis deportistas, que fixeron xuntos a bicicleta para saír a correr, trala segunda transición cun minuto de distancia sobre o segundo pelotón. Serrat pegouse ao húngaro Bence, o gran favorito, e xuntos deixaron atrás aos compañeiros de escapada, ata que Antonio, que arrastra unha periostitis dende hai semanas, quedou sen forzas e non puido responder a un ataque do húngaro e despois foi superado por tres triatletas máis, que o deixaron sen medalla, a pesar do gran traballo realizado. O húngaro Bicsáck Bence proclamouse campión de Europa sub 23 (55:54), mentres que a prata foi para o suizo Fridelance (56:18) e o bronce para o húngaro Márk Débay (56:29). Antonio Serrat foi quinto cun tempo de 56:41 e o mellor español en meta.

Grandísimo o traballo das nosas deportistas na proba feminina, a pesar de que Camila Alonso e Carmen Gómez arrastraban molestias físicas. Finalmente a proba tivo que celebrarse en distancia sprint, debido a altísima temperatura que soportaban en Velence. A auga estaba a máis de trinta grados e o ambiente era asfixiante, polo que a organización decidiu recortar a distancia pola seguridade dos deportistas. Esta situación podía favorecer as nosas deportistas, xa que tanto Carmen coma Inés están moi pouco habituadas á distancia olímpica (acaban de cambiar de categoría) e Camila aínda está un pouco tocada da súa caída en Italia.

A auga foi decisiva para Camila, que é o segmento onde se atopa máis incómoda trala lesión. A galega perdeu un tempo decisivo que a deixou no pelotón principal, pero por diante había un primeiro grupo de catro deportistas (que foi o que loitou polo triunfo) e despois un segundo grupo de nove deportistas no que estaban as nosas Inés Santiago e Carmen Gómez, xunto á outra española Cecilia Santamaría, que se baixaron na T-2, a 1:45. O terceiro grupo chegou a tres minutos das primeiras. Camila Alonso fixo un segmento de carreira a pe espectacular, facendo o mellor parcial (18:00), o que lle permitiu deixar atrás a todas as do seu grupo, alcanzar e superar a varias do segundo grupo para decidir ao sprint o décimo posto con Inés Santiago, que foi undécima, tamén facendo unha magnífica proba. Pola súa banda, Carmen Gómez (17ª) estaba moi satisfeita tras uns magníficos sectores de natación y ciclismo para na carreira a pe “facer o que puiden”, despois de máis de dous meses sen poder adestrar a carreira polas molestias físicas que arrastra. O título foi para a británica e gran favorita Georgia Taylor-Brown.

Resultados

 

 

Quizáis che interese…