Antonio Serrat foi o mellor dos galegos que participaron nas dúas primeiras xornadas do Campionato de Europa de Tríatlon, que se está a disputar en Alanya (Turquía). O vigués logrou a sétima posición na categoría xúnior, mentres que Uxío Abuín chegou na 14ª posición na proba sénior.
A xornada do sábado comezou coa disputa da proba xúnior masculina onde Antonio Serrat quería facer un bo papel. E cumpriu co previsto nunha proba na que foi de menos a máis. Tras unha mala natación, tocou remontar e o galego fixo unha carreira a pe espectacular (foi o segundo mellor tempo deste segmento) na que subiu varias posicións ata chegar á sétima posición. Serrat (53:23) foi o mellor español e logrou ademais a clasificación para o Campionato do Mundo da categoría. Na proba feminina da categoría, Diana Cotón non estivo a un gran nivel e acabo a carreira na 46 posición.
Na proba sénior non había un favorito claro antes as ausencias do ata hoxe campión (Javier Gómez Noya) e dos irmáns británicos Brownlee. Por iso, a proba estaba moi aberta e os galegos querían dar a sorpresa. Uxío Abuín, que foi o segundo español, acadou un bo resultado coa posición décimo cuarta pero Jesús Gomar non tivo un bo día e rematou na trixésima posición.
Uxío e Jesús Gomar saíron da auga en torno á posición 15ª, e tamén estiveron xuntos no segmento de bicicleta, pero Gomar afundiuse na carreira a pe e perdeu catro minutos con respecto a Uxío. Iván Vasiliev (Rusia) logrou proclamarse campión de Europa por vez primeira, mentres que Alessandro Fabian (Italia) foi prata e Mario Mola (ESP) acadou o bronce tras recuperar case dous minutos na carreira a pe.
O domingo, relevos e paratriatlon. O domingo 16 ten no calendario a celebración das probas de relevos xúnior (8:00 horas) e sénior (10:00 horas), así coma o paratri (13:00 horas). Nos relevos non se coñecerán os integrantes dos equipos ata o día anterior, polo que non podemos saber se haberá representantes galegos, pero onde si contamos cunha galega é no paratri. Susana Rodríguez (con Mayalen Noriega coma guía) tentará repetir o éxito acadado hai menos dun ano no Campionato do Mundo, onde logrou o título.