Aroa Freije (Tri-Penta Terras de Lugo) rematou na vixésimo oitava posición no Campionato do Mundo Xuvenil de Péntatlon Moderno, que se está a celebrar en Budapest. A mala actuación na esgrima foi decisiva no resultado final.
Freije comezou a competición cunha moi boa natación ao lograr o terceiro mellor posto das 36 participantes (2:13:32), pero todas as opcións remataron cunha esgrima moi mala (foi a última), que a deixou moi afectada no aspecto psicolóxico e sen opcións de remontar. Así, ao final a galega rematou na posición 28.
Este é o primeiro Campionato do Mundo que disputa a galega e que corresponde a unha categoría superior a súa (Aroa aínda é cadete). Esta diferenza de anos é moi importante, sobre todo porque significa a incorporación da esgrima ás competicións. Por iso, Aroa aínda é un pouco novata nesta modalidade deportiva, que é na que está traballando de forma especial.
Hai que recordar que tamén participou neste Mundial, Raúl Blanco, que non logrou o pase á final, tras realizar unha frouxa esgrima e unha combinada irregular.
No Mundial participan 200 deportistas de 36 países e ao longo de seis días haberá varias probas: Competición por equipos masculino e feminino, competición individual masculina e feminina e relevos mixtos.