Aroa Freije rematou na décima posición no Campionato de Europa Youth de Péntatlon Moderno, que se está a celebrar estes días en Caldas da Rainha (Portugal). A galega foi a primeira clasificada das deportistas da súa idade, xa que moitas das participantes teñen ata dous anos máis que Aroa, polo que o resultado é excepcional.
Aroa comezou a competición na esgrima onde competiu a un bo nivel, logrando rematar na posición 21, pero a remontada chegou nas outras probas. Na natación foi a mellor das participantes o que lle permitiu escalar moitas posicións e rematou cunha magnífica combinada na que confirmou a décima posición. Das deportistas que están por diante de Freire, sete delas teñen dous anos máis ca galega. Hai que recordar que a categoría Youth comprende o último ano de cadete e o primeiro de xúnior, mentres que Aroa está no seu primeiro ano de cadete.