O Vertiatlón Solidario, organizado polo Monte Real Club de Yates para recadar fondos para a súa Escola de Vela Adaptada para persoas con discapacidade, contará na edición de 2017 cun reclamo moi especial, unhas zapatillas asinadas por Usain Bolt, réplica das que usou na súa despedida das pistas este verán no Mundial de Atletismo celebrado en Londres.
As botas do once veces campión mundial e oito olímpico sortearanse entre todos os participantes do tríatlon que se celebrará o próximo 16 de setembro en Baiona. Unha proba na que deberán nadar 750 metros en augas da baía, pedalear case 20 quilómetros polas rúas da vila mariñeira e correr 5 quilómetros ao redor do histórico Parador Nacional.
A terceira edición do Vertiatlón Solidario de Baiona celebrarase o próximo 16 de setembro e o prazo de inscrición xa está aberto. O importe que se recade coas inscricións destinarase integramente á Escola de Vela Adaptada do Monte Real, que ten como principal obxectivo achegar ao mar a persoas con calquera tipo de discapacidade, para que poidan navegar en igualdade de condicións, en instalacións sen barreiras e a bordo de barcos adaptados.