Fin de semana perfecto para Carmen Gómez. A deportista do Tríatlon Ferrol logrou hoxe en Altafulla o título de campioa de España de Acuatlón na categoría cadete, mentres que Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) e Andrés Cendán (Dexter Compostela) foron prata. En júnior, Diana Cotón (Arcade Inforhouse) acadou o bronce.
No Campionato de España de Acuatlón houbo importantes ausencias con respecto ao día anterior, sobre todo na elite. Así, houbo menos opcións para as e os deportistas galegos. En elite feminina logrou o título Anna Godoy, do Cidade de Lugo Fluvial aínda que sen licenza galega, mentres que David Castro (Rodense) foi o campión masculino. Iñaki Baldellou (Tri-Penta Terras de Lugo) estivo moi cerca do podio, xa que os catro primeiros postos se decidiron ao sprint por só un par de segundos. Ao final, o deportista do Terras quedou sen medalla por un segundo.
Categoría cadete. Os éxitos para Galicia chegaron na categoría cadete. Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) logrou o triunfo, como xa sucedera o día anterior no Campionato de España de Tríatlon na distancia sprint. Entrou en meta cun tempo de 21:05, mentres que segunda foi a tamén galega e compañeira de Carmen do Tríatlon Ferrol, Inés Santiago, quen se impuxo ao sprint a Cecilia Santamaría. Na sexta posición, Sara Guerrero (T. Ferrol) a 31 segundos.
Na categoría masculina, tamén se repetiron os resultados de onte. O madrileño Alberto González logrou o título, mentres que a prata foi para Andrés Cendán (Dexter Compostela), que chegou a 23 segundos do primeiro clasificado. Ademais hai que destacar o 12º posto de Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol). Na clasificación de clubs, o Tríatlon Ferrol logrou o título na categoría feminina, mentres que o Dexter foi prata na masculina.
Júnior. A última medalla individual para a Federación Galega de Tríatlon chegou na categoría júnior feminina. Diana Cotón (Arcade Inforhouse) conseguiu a presea de bronce a 46 segundos da primeira clasificada, Marta Sánchez (Fasttriatlon Club), que fixo un tempo de 37:41. Xiana Rendo (Dexter Compostela) ocupou a oitava posición, mentres que Irene Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) foi 11ª. Na clasificación de clubs feminino, o Dexter Compostela acadou o título de campión.
Na categoría masculina, non houbo medallas galegas pero Carlos Galisteo (Dexter Compostela) foi cuarto e Francisco Cendán (Dexter), quinto. Na clasificación de clubs, o Dexter logrou a prata e o Arcade, o bronce.