CARMEN GÓMEZ E JOSÉ MANUEL PARDO LEIS GAÑAN O VIII TRÍATLON DE RIAZOR

9 de Xuño de 2013

 Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) e José Manuel Pardo Leis (Muralla de Lugo) lograron hoxe o triunfo no VIII Tríatlon de Riazor, primeira proba do circuíto galego de tríatlon 2013, no que participaron case 400 deportistas.

A carreira disputouse na modalidade de sprint, con 750 m de natación na praia de Riazor, a continuación 20 quilómetros do segmento de ciclismo (os triatletas deron 4 voltas a un circuíto que vai dende o Meliá María Pita ata o Millenium) e finalizaron coa carreira a pe de 5 quilómetros.

Na proba feminina Carmen Gómez, da categoría cadete, foi a primeira dende o inicio. Logrou o mellor tempo na natación con case cincuenta segundos de vantaxe sobre a segunda clasificada. Na bicicleta, Carmen seguiu mantendo as distancias e cun nivel espectacular xa que foi a terceira mellor deste segmento, e rematou coa carreira a pe facendo o segundo mellor tempo de todas as participantes. Desta forma, logrou a primeira posición cun tempo de 1:10:25, mentres que segunda clasificada foi María Martínez (Atletismo Porriño) a 2 minutos e 21 segundos da primeira. Na terceira posición chegou Carla Castaño (Arcade Inforhouse) cun tempo de 1:13:20. O máis destacable é o magnífico rendemento das deportistas de categorías menores que están amosando que hai un magnífico recambio que ven empurrando moi forte dende atrás.

Na categoría masculina a proba tamén se presentaba moi aberta, sen un favorito claro e así estivo moi apertada ata os metros finais. Ademais, José Manuel Pardo fixo unha natación moi discreta e saíu da auga na posición 19 e a máis dun minuto do mellor neste segmento, que foi o cadete Andrés Cendán. Pero o deportista do Muralla comezou a remontar na bicicleta onde foi o noveno mellor e continuou a súa remontada na carreira a pe, onde foi o máis rápido de todos os participantes. Así,  rematou primeiro clasificado José Manuel Pardo Leis (Muralla de Lugo) cun tempo de 59:28, mentres que segundo clasificado foi Lucas Escaneo (Tríatlon Morrazo, 59:34) e a terceira posición foi para Ignacio Castro (Arcade Inforhouse, 59:38).

 

O resto dos gañadores foron:

 

ü  Cadete: Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) e Andrés Cendán (Dexter Tríatlon Compostela).

ü  Xúnior: Xiana Rendo (Dexter Tríatlon Compostela) e Ignacio Castro (Arcade Inforhouse).

ü  Sub 23: María Martínez (Atletismo Porriño) e Ismael Viéitez (Galaico Pontevedra).

ü  Veterán 1: Monserrat Hernández (A.D. Fogar) e Emilio José Lousa (Arcade Inforhouse).

ü  Veterán 2: Andrés López (Monte Abaixo).

ü  Clubs: Triatlon Ferrol (feminino) e Dexter Tríatlon Compostela (masculino).

 

 

En total no Tríatlon de Riazor participaron case 400 deportistas, na que foi a primeira proba do calendario galego de tríatlon da presente tempada. Ás 10:00 horas comezou a proba popular, con 149 inscritos e con distancias máis curtas (300 metros de natación, 10,6 de bicicleta e 2,5 de carreira a pe). Os gañadores da popular foron Raquel Ruíz (Tríatlon Ferrol) e Alberto Tomé (A.D. Fogar).

 

Esta proba, organizada polo club Tríatlon Coruña e o Concello da Coruña, estaba prevista para o día 19 de maio e tivo que ser suspendida polas condicións meteorolóxicas, xa que se anunciaba un temporal na costa da Coruña con ondas de gran tamaño.

 

Quizáis che interese…