Cidade de Lugo e Inforhouse Santiago obteñen en Vedra os títulos Xunta de Galicia de Dúatlon CRE
O VII Dúatlon de Vedra exerceu o pasado sábado de Campionato de Galicia de Dúatlon Contra o Reloxo por Equipos (CRE) 2022 coa participación de 66 conxuntos. Nunha tarde pasada por auga, o Cidade de Lugo Fluvial fíxose coa coroa autonómica feminina e o Tríatlon Inforhouse Santiago, coa masculina.
Por 2 minutos e 1 segundo de diferenza, o club lucense dominou entre as mulleres. O equipo gañador completou os dous sectores de carreira a pé e o de ciclismo cun tempo de 1:15:26. A segunda praza correspondeu ao Tríatlon Inforhouse Santiago e o podio completárona as anfitrioas, as duatletas do Olímpico de Vedra, tras superar por 6 segundos ao Artrogal-Tri 498.
O Campionato masculino decantouno ao seu favor o Inforhouse Santiago no parcial de ciclismo. Os composteláns remontaron os 19” de vantaxe que o Tríatlon Arteixo acadara no arranque a pé e conseguiron un colchón superior aos 40” para afrontar o desenlace da proba. O último sector apenas rexistrou diferenzas entre os dous equipos máis fortes nesta xornada e o Inforhouse Santiago impúxose por 47”. O Tríatlon Rianxo fíxose co terceiro posto.
En canto á competición Open, o Inforhouse Santiago B venceu por diante do Olímpico de Vedra B, segundo, e do NoSportLimitB nas mullers, mentres que nos homes triunfou o Atletismo Porriño B, que no podio estivo escoltado polo Tríatlon Arteixo B e o Artrogal – Tri 498 B, segundo e terceiro respectivamente.