O Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial e o Tríatlon Ferrol proclamáronse hoxe campións galegos de Tríatlon de categorías menores en Monforte de Lemos. Ademais no campionato, que tivo unha participación de 180 deportistas, foi homenaxeada á selección galega que se proclamou campioa de España de Tríatlon Escolar Cadete onte.
O Cidade de Lugo Fluvial, que era o dominador absoluto habitualmente nesta proba, atopouse este ano cun rival moi forte no Tríatlon Ferrol, que está facendo un magnífico traballo na base. Desta forma, ambos clubs remataron empatados a puntos no primeiro posto (142 puntos), mentres que terceiro clasificado foi o Dexter Tríatlon a moita distancia (69 puntos). No campionato das categorías inferiores hai clasificación individual e de clubs, e para esta última súmanse os resultados de todas as categorías. Hai que destacar o altísimo nivel amosado en Monforte, xa que participaron campións ou medallistas de España coma Andrés Cendán e Inés Santiago.
Os campións galegos a nivel individual foron:
– Benxamín feminino: Elsa Pena (Club Atletismo Porriño)
– Benxamín masculino: Andrés Prieto (A.D. Fogar)
– Alevín feminino: Andrea Vidal (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial)
– Alevín masculino: Jorge González (Independente)
ü – Infantil feminino: Raquel Ruíz (Tríatlon Ferrol)
– Infantil masculino: Alberto Tomé (A.D. Fogar)
– Cadete feminino: Inés Santiago (Tríatlon Ferrol)
– Cadete masculino: Andrés Cendán (Dexter Tríatlon).
As distancias son diferentes, dependendo da categoría: Benxamín (100 metros natación – 2 quilómetros en bicicleta – 500 metros de carreira a pe); alevín (200 m. – 4 qm. – 1 qm.); infantil (300 m. – 8 qm. – 2 qm.) e cadete (500 m. -10 qm. – 3 qm.).