COMEZA O ESPECTÁCULO EN LONDRES

11 de Setembro de 2013

 Xa comezou o espectáculo do tríatlon en Londres. Hoxe tivo lugar o Mundial do Acuatlón paralímpico, coa participación da galega Susana Rodríguez, que foi prata, e mañá competirán Antonio Serrat (xúnior) e Uxío Abuín (sub 23). Para o domingo temos a cita máis esperada, a de Javi Gómez Noya contra os irmáns Brownlee, co título mundial en xogo.

Na primeira proba de hoxe, o Mundial de Acuatlón paralímpico, houbo unha medalla para o tríatlon galego. A viguesa  Susana Rodríguez, xunto a súa guía Mayalen Noriega, lograron a medalla de prata no Mundial de Acuatlón paralímpico en TRI6b feminino, tras un duro duelo coas británicas que se decidiu só por escasos segundos.

Susana xa lograra a medalla de bronce o pasado ano en Auckland, e agora se prepara para a proba do Mundial de Paratri, na que defende o título acadado no 2012, e que se celebrará o venres. Esta é a proba verdadeiramente importante é o acuatlón permitiu medir o nivel de recuperación da súa guía, que sufriu unha caída na bicicleta e rompeu a escápula no ombreiro.

Ademais, a galega enfronta unha nova categoría TRI6b, que é para aquelas deportistas que teñen algo de visión, polo que xa non debe usar as gafas escuras para pechar a súa visión, e pode competir co 10 por cento de visión que ten.

Proba xúnior. Antonio Serrat (Wild Wolf Cidade de Lugo) enfronta mañá xoves (11:00 horas) o primeiro mundial polo que o fai co consello de “gozar ao máximo”. Para o vigués foi unha sorpresa a convocatoria e espera poder facer un bo papel, e na carreira a pe espera remontar posicións tal e como fai habitualmente. No Europeo ocupou a sétima posición.

Proba sub 23. E non será o único galego que competirá mañá. Uxío Abuín (Tríatlon Ferrol) participará (16:00 horas) no Mundial sub 23. O galego enfronta a proba con algunhas dúbidas por culpa dunha lesión nun pe, que sufriu no Tríatlon do Miño, onde gañou a proba. Por culpa deste problema estivo case tres semanas sen poder correr, polo que o seu rendemento é unha incógnita. Uxío indicou que “en natación estou nun estado de forma bo e teño pensado forzar para saír no primeiro grupo e ver se hai unha escapada en bici para baixarme a correr adiante”.

Proba elite masculina. O domingo (14:30 horas) terá lugar a Gran Final das Series Mundiais e co título mundial en xogo. So tres deportistas aspiran ao título (Alistair e Jonathan Brownlee e Javier Gómez Noya). O galego non depende só do seu resultado, pero o que ten seguro é que para aspirar a proclamarse campión do mundo ten que gañar a proba e esperar os resultados dos Bronwlee. O galego, que viaxou hoxe mesmo en dirección a Londres, enfronta a proba con optimismo e nun bo estado de forma.

Quizáis che interese…