Galicia participará esta fin de semana, con Cristóbal Rodríguez, Raúl Blanco e Andrea Vidal, na segunda edición do Campionato do Mundo de Laser Run que se está a celebrar en Lisboa (Portugal).
A Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno despraza a Portugal a Cristóbal Rodríguez na categoría sénior, a Raúl Blanco en júnior e a Andrea Vidal en cadete. Galicia competirá na proba individual, que se celebrará o sábado, e na de relevos masculinos, que será o domingo.
Neste mundial os participantes realizarán dúas das especialidades do péntatlon: Deberán correr e disparar. Os deportistas terán que realizar catro voltas de 800 metros e ao remate de cada unha teñen que facer unha tirada (de cinco tiros). O sábado pola mañá celebraranse as semifinais e pola tarde, a final.
Ano 2015. A galega Aroa Freije acadou a medalla de prata no primeiro Campionato do Mundo de Laser Run, que se celebrou o pasado ano en Perpignan (Francia).