O domingo 9 de marzo celebrarase o XXIV Duatlón Concello de Lugo “Memorial Alejandro López”, que conta cunha inscrición de douscentos deportistas. Esta é a terceira proba do Circuíto Galego de Duatlón de Estrada 2014.
O Duatlón Cidade de Lugo, que se celebra sobre a distancia sprint (5 quilómetros a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pe), desenvolverase nos arredores do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, tendo como punto de saída e de chegada o propio recinto. A proba feminina comezará ás 11:20 horas, mentres que haberá dúas saídas masculinas (ás 10:00 e ás 11:30, para os deportistas de máis nivel). Entre os participantes destaca a presenza de Brais Canosa (Arcade Inforhouse), Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) ou Marcos Mayo (Monte Abaixo). Na proba feminina, as favoritas son Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo), María Martínez (Atletismo Porriño) ou Verónica Montes (Trinity Tríatlon).
O Duatlón Cidade de Lugo recibe o nome de “Memorial Alejandro López” en homenaxe ao ex directivo da Federación Galega de Tríatlon, que finou hai uns anos. O Circuíto Galego de Duatlón de Estrada está formado por catro probas: O Carballiño, Guitiriz, Lugo e Vedra (15 de marzo). Todas son clasificatorias para o Campionato Galego (logran praza os 22 primeiros clasificados), que terá lugar en Santiago de Compostela a finais de marzo (día 30).
María Ortega e Nan Oliveras, ambos do Tri-Penta Terras de Lugo, proclamáronse gañadores do Aviamandu Concello de O Carballiño, mentres que a mexicana Adriana Barraza (Muralla de Lugo) e Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) lograron o triunfo en Guitiriz.