Enrique Morán (Atletismo Porriño) e Verónica Montes (Trinity Tríatlon) son os gañadores da terceira proba do Circuíto Galego de Duatlón Cross, que se celebrou hoxe en Maside coa participación de 132 deportistas.
Na categoría masculina houbo unha proba moi interesante e disputada, con intercambios de posicións nos tres segmentos. Comezou mandando Elpidio Gómez (AXA–Beariz Tríatlon) no primeiro sector, para darlle o relevo na bicicleta Marcos Mayo (Monte Abaixo). Pero no terceiro e último segmento o dominador foi Enrique Morán, que se proclamou gañador da proba cun tempo de 1h:25´30. Na segunda posición entrou Marcos Mayo (1h25´58) e terceiro foi Darío M. Otero (Team Corbelo) cun tempo de 1h26´01. Na cuarta posición, chegou Brais Misa García (licenza de 1 día), que gañou a primeira proba do circuíto e foi sexto na segunda.
Ademais, hai que destacar os triunfos de Elpidio Gómez (AXA-Tríatlon Beariz) en veterano; Miguel Sierra (licenza dun día) en júnior e Team Corbelo en clubs.
Na categoría feminina non houbo sorpresa e Verónica Montes (Trinity Tríatlon) proclamouse vencedora con facilidade (1h48´32),mentres que segunda clasificada foi Lorena García (Mar de Vigo) cun tempo de 2h01´09 e terceira, Silvia García (Mar de Vigo) con 2h09´27. Hai que destacar o triunfo de Ana María López (Tri Ourense) na categoría de veterana.
Os participantes tiveron que correr 6 quilómetros, 20 quilómetros en bicicleta de montaña e remataron con 3 quilómetros a pe. A proba comezou na Alameda de Maside e o circuíto de bicicleta discorreu nun 85 por cento por montaña, pola paraxe natural do Puzo do Lago.
O Circuíto Galego de Duatlón Cross está formado por cinco probas: Ribadumia, Beariz, Maside, Candeán e Samieira. Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterano (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto. Na proba de Ribadumia resultaron vencedores Brais Misa e Verónica Montes, mentres que en Beariz os gañadores foron Gustavo Rodríguez e Aída Valiño.