O sábado 8 de abril celébranse as finais provinciais de A Coruña (Vedra) e Lugo (Vilalba) do programa “Xogade” de Dúatlon Escolar 2017. Entre as dúas probas haberá máis de 250 deportistas buscando a clasificación para a final galega.
A final provincial de A Coruña (a partir das 16:30 horas) celebrarase en Vedra (Carballeira do Souto) coa participación de case 200 deportistas (61 benxamíns, 45 alevíns, 58 infantís e 34 cadetes). En Vilalba (16:00 horas) a participación será de 58 duatletas e as probas desenvolveranse no Polígono Industrial da localidade.
As distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín as e os deportistas correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e correrán 250 metros; en alevín as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil,1,5 quilómetros de carreira, 6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete son 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta 1 quilómetro de carreira.
O programa de Dúatlon Escolar consta de cinco probas locais ou zonais (Fene, Mondoñedo, Lugo, Santiago e Maceda) nas que se clasificaron para as fases provinciais e aquí lograrán o pase ao Galego os 8 primeiros clasificados de cada categoría, ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon.