Esta fin de semana celebrarase en Altafulla (Tarragona) o Campionato de España de Tríatlon na distancia sprint e o Campionato de España de Acuatlón. En ambas probas, hai que destacar a enorme participación de deportistas galegos/as, a pesar das distancias.
O sábado celebrarase o Campionato de España de Tríatlon na distancia Sprint elite, sub 23, júnior e cadete. Comezaremos coas probas cadetes (10:30 horas) e cunha enorme participación. Na categoría masculina están inscritos 180 deportistas con máis de 20 galegos. Hai que destacar a presenza de Andrés Cendán (Dexter Compostela), que defenderá o título acadado o pasado ano (tamén en Altafulla). Na categoría feminina (10:32) hai 88 deportistas, das cales 15 son galegas, e moitas con opcións de loitar polos primeiros postos da clasificación. Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) logrou o título o pasado ano e tentará repetir triunfo, aínda que enfronte terá á súa compañeira de club Carmen Gómez ou Carla Castaño (Arcade Inforhouse), as nosas cadetes de ouro. As distancias son de 750 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2 de carreira a pe.
Na categoría júnior (15:15), hai case cen inscritos na categoría masculina e 23 na feminina. E os galegos, con opcións. Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) foi o bronce no 2013 e tentará lograr o triunfo. Na categoría feminina, Galicia tamén terá opcións con deportistas coma Diana Cotón (Arcade), Xiana Rendo (Dexter) e Irene Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo).
En elite hai participación galega e con ganas de loitar polo título. A carreira feminina comezará 12:00 horas e Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) tentará repetir o título do 2013. A proba masculina (13:30 horas) conta con 100 inscritos e incluso lista de espera. E, entre os galegos, deportistas con opcións de acadar o podio, coma Pablo Dapena (Cidade de Lugo), Jesús Gomar (Cidade de Lugo), Brais Canosa (Arcade Inforhouse), Diego Paz (Arcade Inforhouse), Nan Oliveras (Tri-Penta Terras de Lugo) ou Ricardo Hernández (Tri-Penta Terras de Lugo). As distancias en júnior e elite son de 750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe.
Resultados 2013. Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) proclamouse campioa de España sénior e sub 23, acompañada no podio sénior por Marta Jiménez (Wild Wolf) que foi prata. En júnior tamén houbo medallas para os deportistas galegos: Diana Cotón (Arcade Inforhouse) foi prata e Antonio Serrat (Wild Wolf Cidade de Lugo), bronce. Na categoría cadete, Andrés Cendán (Dexter Compostela) e Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) proclamáronse campións de España.
Campionato de España de Acuatlón. O domingo será o momento do Acuatlón, no que participarán moitos dos participantes do día anterior. A proba cadete (09:00) comezará as nove da mañá e cunha importante inscrición (en masculina, 135 e na feminina, 71). As distancias son de 1,5 de carreira a pe, 500 metros de natación e 1,5 de carreira a pe). Galicia presenta serias opcións aos primeiros postos.
Ás 09:25 comezará a proba júnior masculina e cinco minutos despois sairán as chicas, e tamén nesta proba teremos posibilidades de podio. E a continuación, a proba de elite feminina (11:10), a masculina (12:10) e paralímpica (13:10).
Ano 2013. Galicia foi a absoluta dominadora do Campionato de España de Acuatlón, que se disputou en Águilas. Na categoría elite, Javier Gómez Noya e Aída Valiño lograron os títulos de campións de España, e o mesmo fixo Diana Cotón en xúnior feminino. Ademais, houbo medallas para Pablo Dapena (bronce) e Carmen Gómez e Andrés Cendán en cadete (bronce). Nas clasificacións de clubs elite, o Wild Wolf Cidade de Lugo proclamouse campión de España tanto na categoría masculina coma feminina.