A localidade de Águilas (Murcia) acollerá esta fin de semana a Copa do Rei e da Raíña de Tríatlon (sábado 6) e o Campionato de España de Tríatlon por relevos (día 7) cun total de máis de 1.700 deportistas inscritos. Tamén se celebrarán os campionatos de España de tríatlon por clubs e a contrarreloxo por equipos en idade escolar. Galicia contará con varios equipos en todas as probas.
Copa do Rei. A Copa do Rei e da Raíña será a primeira proba da Liga Nacional de Clubs de Tríatlon. A proba, que se celebrará o sábado 6 de maio, desenvolverase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 21 quilómetros de bici e 5 de carreira a pe). É unha proba contra o reloxo por equipos, que están compostos por un máximo de 6 membros e deben rematar polo menos catro para clasificar. O cuarto clasificado é o que da o tempo ao equipo. Os equipos sairán en intervalos de 1 minuto seguindo a clasificación da tempada anterior (en orde inversa), polo que os mellores saen nas últimas posicións. Tamén haberá o correspondente campionato escolar.
Na proba elite masculina, con 97 clubs inscritos, participarán tres equipos galegos: Arcade Inforhouse, Cidade de Lugo e Tríatlon Arteixo. Na proba feminina, con 55 inscritos, a Federación Galega de Tríatlon estará representada por Arcade Inforhouse, Cidade de Lugo Fluvial, Náutico de Narón e Tríatlon Ferrol.
Ademais, tamén se celebrará o Campionato de España de Tríatlon Escolar contra o reloxo por equipos para nenas e nenos de 13 a 17 anos. As distancias serán de 250 metros de natación, 8 quilómetros de ciclismo e 1,5 de carreira a pe.
2016. O pasado ano a Copa celebrouse en Pontevedra con magníficos resultados para os clubs galegos. O Tríatlon Ferrol acadou o triunfo na Copa da Raíña, mentres que o Cidade de Lugo Fluvial foi prata tanto na Copa do Rei coma da Raíña.
Campionato de España de Tríatlon por relevos (segunda proba da Liga). O domingo 7 de maio celebrarase esta competición na que os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realizará un pequeno tríatlon (250 metros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pe) e da a quenda ao seu compañeiro. A proba feminina comezará ás 12:00 coa participación de Arcade Inforhouse, Cidade de Lugo, Náutico de Narón e Tríatlon Ferrol, mentres que a masculina comezará ás 13:30 horas coa presenza de Arcade Inforhouse, Cidade de Lugo e Tríatlon Arteixo. Ademais celebrarase este mesmo campionato en idade escolar, con varios equipos galegos, a partir das 09:00 horas.
No 2016 o Cidade de Lugo Fluvial acadou a medalla de prata no Campionato de España de Tríatlon por relevos masculino, mentres que o Tríatlon Ferrol foi bronce no feminino.