ESTA SEMANA CELEBRARASE O EUROPEO DE TRÍATLON EN GLASGOW CUNHA IMPORTANTE PRESENZA GALEGA

8 de Agosto de 2018

Do 9 ao 11 de agosto celebrarase en Glasgow  o Campionato de Europa de Tríatlon distancia olímpica coa participación de varios deportistas galegos. Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) será a nosa representante na proba feminina, mentres que Uxío Abuín (Ferrer Hotels), Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) loitarán polo máximo na proba masculina.

 Elite feminina, día 9. A proba elite feminina celebrarase o xoves 9 (13:30 horas) sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe) coa participación de Camila Alonso, que tentará non perder moito tempo na natación para chegar con opcións á carreira a pe.

A proba masculina disputarase ao día seguinte, 10 de agosto (16:00 horas) e con Uxío Abuín, Fernando Alarza e Antonio Serrat na lista de saída. Uxío chega moi folgos renovados trala medalla de prata acadada no Campionato de Europa da distancia Sprint en Tartu e quere seguir na loita. Pola súa banda, Alarza (deportista do Centro de Alto Rendemento do CGTD con licenza galega) sae dunha lesión de dous meses, pero na proba das Series Mundiais de Edmonton amosou que xa está de volta. Pola súa banda, Serrat volve á competición despois de enlazar varias caídas e contratempos, que o tiveron máis de dous meses adestrando a ratos. Volve con ganas, pero haberá que ver como responde despois de estas semanas ausente, trala última caída o 8 de xullo na Copa do Mundo de Tiszaujvaros. A proba tivo que ser suspendida por unha tromba de auga, pero antes de que a organización decidira parar aos triatletas, houbo unha caída múltiple na que Serrat estivo implicado e pola que sufriu un corte moi profundo na tibia que necesitou de varios puntos.

O Europeo rematará o sábado 11 de agosto coa proba de relevos mixtos elite (17:35 horas), pero aínda non se coñece a composición do equipo, xa que dependerá do sucedido nas probas individuais.

2017. O pasado ano Uxío Abuín (5º), Fernando Alarza (6º) e Antonio Serrat (8º) lograron entrar no Top-10 do Europeo de Tríatlon de Kitzbühel, nunha grandísima carreira dos nosos representantes.

Quizáis che interese…