FERNANDO ALARZA BUSCARÁ MAÑÁ A GLORIA NOS XOGOS DE RÍO

17 de Agosto de 2016

Chegou o momento do tríatlon e de Fernando Alarza en Río. O deportista do Grupo de Alto Rendemento do CGTD enfronta o momento máis importante da súa carreira deportiva, unha cita olímpica á que chega con moi boas sensacións e ganas de alcanzar a gloria. Apuntade esta data: 18 de agosto ás 16:00 (hora española).

Cp6O7yoXEAAr4DUEvidentemente non será sinxelo. A gloria olímpica decidirase en case dúas horas de gran emoción e calquera detalle pode ser decisivo. O principal temor está no segmento de natación (1.500 metros). Os irmáns Brownlee teñen moi claro o seu obxectivo: Romper a carreira na auga para deixar atrás aos principais rivais (Mola, Alarza e Murray). Para isto contarán con varios cómplices: Gordon Benson (o británico actuará como gregario dos Brownlee), Henri  Schoeman e Richard Varga (o mellor nadador do circuíto) farán todo o posible por marcar un ritmo infernal e abrir distancias cos triatletas que sofren máis na auga. Esta táctica é un secreto a voces que aínda quedou máis claro onte, cando chegou o momento de elixir o sitio de saída na praia de Copacabana: Os españois e os franceses por un lado e os británicos e o seu grupo no contrario. Así que Fernando e o seu adestrador Omar González teñen moi claro que deben traballar moi duro para evitar que se rompa a proba na natación e toque ir sempre a remolque.

Se Fernando logra manterse no grupo cabeceiro, aumentan e moito as súas posibilidades de loitar polas primeiras posicións. Na bicicleta (40 quilómetros nun esixente e duro circuíto) tamén será moi importante o tempo. Estes días houbo bastante choiva, pero as previsións meteorolóxicas non falan de auga, o cal reduce as posibilidades de accidentes, feito positivo para todos os participantes. E remataremos cos 10 quilómetros de carreira a pe polo paseo marítimo de Copacabana. Alarza xa demostrou esta tempada o que ten dentro. É un triatleta moi completo, que se defende moi ben e todas as especialidades, e que na carreira a pe pode loitar cos máis rápidos, aínda que aí se chegan xuntos, Mario Mola ou Jonathan Brownlee son os favoritos.

Unha vez conseguido o obxectivo de clasificarse para os Xogos, a preparación de Alarza estivo centrada en Río cun duro traballo ata a semana pasada. Estes días xa en Brasil o deportista con licenza galega puido gozar do que significa unha cita olímpica. Estivo dous días na vila olímpica e posteriormente desprazouse ata Copacabana, onde terá lugar a proba de tríatlon. O mellor é que non hai noticias e todo está a descorrer con absoluta normalidade.

O equipo español está formado por Mario Mola (número 1 do ranking mundial), Fernando Alarza (número 2 do ranking mundial) e Vicente Hernández (14º), que entrou no lugar de Javi Gómez Noya, lesionado hai unhas semanas despois dunha desafortunada caída da bicicleta mentres adestraba. Ademais en Río estarán os mellores triatletas do mundo (jonathan Brownlee, Alistair Brownlee, Richard Murray, Vicent Luis, coa única excepción de Gómez Noya (pentacampión do mundo), polo que se espera unha proba excepcional e con moita emoción.

 

Fotos: Do twitter de Alarza

 

 

Quizáis che interese…