Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamouse hoxe en Glasgow subcampión de Europa de Tríatlon na distancia olímpica, despois de facer unha espectacular remontada na carreira a pe. Pola súa banda, Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) foi 29º, mentres que Uxío Abuín (Ferrer Hotels) tivo que retirarse durante o segmento de bicicleta.
Este campionato de Europa foi unha delicia para os afeccionados, que puideron gozar co bo facer dos triatletas e emocionarse coa remontada de Alarza, que parecía voar nun circuíto durísimo, pero no que se sentía como pez na auga.
De entrada todo complicouse para os nosos representantes na natación, xa que saíron cortados (a uns 40 segundos) dun grupillo de 14 unidades con importantes nomes coma Alistair Brownlee, Le Corre, Richard Varga, os húngaros Toth e Devay ou o ruso Igor Poliansky.
Finalmente formouse un grupo en cabeza de nove triatletas (coa incorporación de Van Riel), con claros aspirantes a loitar polas medallas, mentres que no segundo grupo quedábanse Fernando Alarza e Antonio Serrat, pero sen Uxío Abuín, que tivo moitos golpes na auga, e non puido colocarse ben.
Este grupo era numeroso, pero non houbo moita colaboración para reducir distancias, mentres que por diante os líderes tiñan claro que era unha moi boa opción e traballaban arreo. Atrás, o peso do traballo caía principalmente en Alarza, con Serrat como compañeiro de fatigas. A distancia ía crecendo volta a volta, aínda que sen chegar a ser escandalosa. Na segunda transición o grupo de Brownlee tiña unha vantaxe de 1:23 sobre o segundo pelotón de Alarza e Serrat.
Tan pronto abandonaron a T2, formouse un trío (Alistair Brownlee, Pierre Le Corre e Marten Van Riel) que parecía o destinado a subir ao podio. Pero non contaban coa forza e coraxe de Alarza, que comezou a “caza”. Despois da primeira volta, Fernando xa era noveno (pillando a un triatleta do primeiro grupo) e a partir de aí, imparable. En un suspiro, logrou poñerse cuarto a uns 45 segundos do trío de cabeza e a un ritmo moi superior a todos os que ían por diante del.
Le Corre decidiu coller o mando a falta duns 5 quilómetros para o final e o británico Brownlee non puido manter o paso, mentres que por detrás Fernando seguía ao seu ritmo e pasou por el coma unha exhalación, sen deixarlle opción de pegarse aos seus talóns.
En principio, parecía que o bronce era un gran botín tal e como foi o desenvolvemento da proba, pero Alarza non escatimou esforzos e foi en busca da prata. Costou alcanzar a Van Riel, que se descolgara do francés pero siga mantendo un bo ritmo de carreira, pero Fernando seguíu constante ata pillalo a falta dun quilómetro para o final. O ouro parecía case imposible, pero aínda así, Alarza seguíu aumentando o ritmo para lograr entrar en meta na segunda posición por detrás de Le Corre a só 11 segundos do francés. Impresionante o parcial de Alarza na carreira a pe (30:44). O bronce foi para Van Riel, mentres que Brownlee foi cuarto.
Pola súa banda, Antonio Serrat, que volvía á competición despois dunha lesión, rematou na 29ª posición (perdeu bastantes postos na carreira pe), mentres que Uxío Abuín non puido rematar a proba.
Na proba de elite feminina, celebrada onte, Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) non puido rematar a proba, despois de facer unha natación moi frouxa.