GALICIA, BRONCE NOS RELEVOS MIXTOS DO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR AUTONOMÍAS

25 de Xuño de 2017

Galicia logrou a medalla de bronce na proba de relevos mixtos do Campionato de España de Tríatlon por Autonomías, que se celebrou hoxe en Almansa (Albacete). Con este resultado, Galicia quedou á beira das medallas na clasificación xeral, ao ocupar a cuarta posición. Hoxe tamén se disputaron os relevos mixtos do Escolar, onde Galicia rematou nunha discreta novena posición.

Elite. Moi boa actuación do equipo de relevos mixtos galego, con Sara Guerrero, Alberto Castiñeira, Joselyn Brea e Iván Cáceres. Os galegos estiveron sempre nas primeiras posicións para finalmente lograr un bronce para Galicia.

A primeira posta foi para Sara Guerrero, que entregou o relevo na sexta posición. Alberto Castiñeira fixo unha moi boa posta –xa na saída da auga ía cuarto- e remontou algunhas posición para dar a saída a Joselyn Brea como terceira. Brea tivo unha grandísima actuación e logrou remontar para entregar a testemuña a Iván Cáceres na segunda posición, por detrás de Valencia e por diante de Cataluña. Finalmente, Cáceres logrou confirmar a praza de podio e entrou en meta na terceira posición por detrás de Valencia e Cataluña.

Esta terceira posición fixo escalar a Galicia ata a cuarta posición e quedou a dous puntos da medalla de bronce, que foi para Andalucía.

Escolar. Na proba escolar, Galicia non logrou unha boa posición, a pesar das gañas e o esforzo dos nosos rapaces. Henar Cons foi a primeira relevista e estivo en cabeza ata a T-2, pero a partir de aí, perdeu posicións. Jorge González remontou ata estar disputando o terceiro e cuarto posto no terceiro segmento, pero pagou o esforzo inicial e na carreira a pe perdeu gran parte do tempo recuperado. A terceira posta foi para Natalia Castro que, despois de nadar moi ben, sufriu unha penalización por deixar o dorsal atrás, e caeu varios postos na clasificación. O último en participar foi Esteban Basanta, que fixo unha moi boa posta e logrou recuperar unha posición, pero a carreira xa estaba moi estirada e había poucas posibilidades de limar postos.

Así Galicia foi novena na proba de relevos, o que lle fixo baixar ata a sétima posición na clasificación xeral por autonomías.

 

 

 

Quizáis che interese…