GALICIA, MOI BEN REPRESENTADA EN COZUMEL

14 de Setembro de 2016

Chega a segunda gran cita da tempada despois dos Xogos Olímpicos. Dende hoxe e ata o 18 de setembro Cozumel acollerá os Mundiais de Acuatlón (en todas as categorías) e de Tríatlon nas categorías júnior e sub 23, así coma a Gran Final das Series Mundiais 2016. A Federación Galega de Tríatlon contará ata con cinco representantes nas diferentes probas: Fernando Alarza e Pablo Dapena na final das Series Mundiais; Antonio Serrat no Mundial sub 23 e Inés Santiago e Carmen Gómez no Mundial júnior.

Hoxe mércores celébrase o Campionato Mundial de Acuatlón, onde non teremos representación galega. Para o xoves 15 de setembro está prevista a celebración do Campionato do mundo sub 23 masculino, así coma o Mundial de grupos de idade na distancia sprint. No Mundial sub 23 teremos a Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), que non chega a esta proba nas mellores condicións físicas xa que se está a recuperar dunha lesión nun pe, que o tivo varias semanas sen poder adestrar carreira a pe. Agora xa está mellor, pero aínda arrastra algunha molestia. A inscrición no Mundial sub 23 é espectacular, con deportistas habituais en Series Mundiais (Grand Sheldon) e incluso olímpicos (Gordon Benson ou Lindemann), así coma o español David Castro. En total 77 participantes que terán que facer o mesmo percorrido que os elite, é dicir, 1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 de carreira a pe.

O venres 16 celebrarase o Mundial sub 23 feminino e os Mundiais da categoría júnior, tanto masculino coma feminino. Na categoría júnior feminina están la lista de saída as nosas deportistas Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) e Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol), que non deixan de darnos alegrías. Inés xa participou o pasado ano no Mundial de Chicago e rematou na 13ª posición e este ano no Europeo júnior fo cuarta clasificada. Pola súa banda, Carmen Gómez foi décima no Europeo deste ano. A proba disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe).

E o sábado 17 de setembro será o momento das probas de relevos mixtos das categorías júnior e sub 23, así como da proba feminina da Gran Final das Series Mundiais.

O domingo 18 chega o prato forte, a Gran Final masculina na que se decidirá o campión do mundo 2016. Esta proba celebrarase sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe). Antes do inicio, hai tres deportistas (Mario Mola, Jonathan Brownlee e Fernando Alarza) aínda con opcións de acadar o título 2016, pero o deportista do Grupo de Alto Rendemento do CGTD, Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo), é o que ten menos posibilidades (necesitaría gañar e que Bronwlee fose quinto ou máis atrás e Mario Mola, oitavo ou máis atrás). Desta forma, o obxectivo fundamental de Alarza é facer unha gran proba para lograr un posto no podio do Mundial deste ano, sen pensar en máis carambolas, que non dependen de el.

O favorito é o actual líder do Mundial, Mario Mola, que “só” necesita entrar no podio, sen ter que mirar o que fan os seus contrincantes. Pero tampouco será sinxelo xa que en liza estarán grandísimos deportistas que porán moi cara a loita polo podio. Entre os inscritos están o irmán de Jonathan, Alistair, que sen dúbida tentará estar arriba para restar un posto a Mario. Ademais podemos destacar a Richard Murray, Pierre Le Corre, Crisanto Grajales e outros moitos grandes triatletas.

Outra alegría para o tríatlon galego é a presenza na lista de saída do pontevedrés Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial), que se atopa nun gran momento de forma, e que enfronta esta cita cunha enorme ilusión.

Quizáis che interese…