GÓMEZ NOYA E ALARZA, EN YOKOHAMA NA QUINTA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS DE TRÍATLON 2015

14 de Maio de 2015

Javier Gómez Noya buscará en Yokohama (Xapón) na madrugada do sábado 16 de maio (06:06 hora galega, TVG) a primeira vitoria da tempada nunha proba das Series Mundiais de Tríatlon. Xunto a el, Fernando Alarza, que está a facer unha campaña excepcional, ocupando o terceiro posto da clasificación provisional do Mundial.

Trala disputa de xa catro probas das Series Mundais, Javi necesita un triunfo para compensar os magníficos resultados acadados ata o momento por Mario Mola (vitoria en Abu Dhabi), Jonathan Brownlee (triunfos en Auckland e Gold Coast) e Alistair Brownlee (1º en Cidade do Cabo), para chegar con opcións de gañar o título mundial á gran final de Chicago. Ademais coñece perfectamente o circuíto, bastante complexo, e o pasado ano logrou a súa primeira vitoria en Xapón. Pero en Yokohama estarán todos os mellores, coa excepción de Jonathan Brownlee. Mario Mola, Alistair Brownlee, Fernando Alarza, Crisanto Grajales… Son algúns dos rivais aos que Javi deberá superar para lograr ese necesario primeiro posto. O ferrolán na rolda de prensa previa á carreira asegurou que chega en boas condicións e moi animado a Yokohama, onde espera “unha carreira moi dura polo complicado que é o circuíto e pola posibilidade de que chova, o cal dificulta aínda máis a proba”.

Pola súa banda, Fernando Alarza (deportista con licenza galega e membro do Grupo de Alto Rendemento do CGTD) segue nunha nube polos magníficos resultados que está logrando esta tempada. O pasado ano foi sétimo, pero quere mellorar e loitar polo podio, tal e como está a facer en todas as probas das Series Mundiais do 2015.

A proba de Xapón desenvolverase na distancia olímpica, é dicir, 1,5 quilómetros de natación dende o embarcadoiro de Osanbashi. Despois realizarán 40 quilómetros de bicicleta e finalizarán cunha carreira a pe de 10 quilómetros con saída e chegada no parque nacional Yamashita.

As Series Mundiais contan este ano con dez probas: Abu Dhabi, Auckland, Gold Coast, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Hamburgo, Stockholm e Edmonton e Chicago (a gran final). Para a clasificación mundial os deportistas suman os cinco mellores resultados sendo obrigatorio participar na Gran Final, que ten unha puntuación moito máis alta.

Trala disputa das catro primeiras probas do Mundial, Javi Gómez Noya é primeiro, mentres que segundo clasificado é Mario Mola e terceiro, Fernando Alarza. Tres españois ao fronte, aínda que esta clasificación non é de todo realista, porque ao final os deportistas eliminan os peores resultados.

 

Quizáis che interese…