GÓMEZ NOYA VENCE NO MEDIO IRONMAN DE PANAMÁ

17 de Febreiro de 2014

A primeira competición do ano para o campión do mundo non puido resultar mellor, máis aínda tratándose dunha distancia que só afrontara unha vez na súa vida, o Medio Ironman, en Calella maio de 2013. Javier Gómez Noya logrou cruzar a meta o primeiro, confirmando o prognóstico que lle daba como favorito a pesar de que entre os rivais estaban algúns do máximo nivel e con gran palmarés en media e longa distancia.

O certo que é que demostrou ter a proba controlada dende as primeiras brazadas no Océano Pacífico. A corrente a favor fixo que os tempos nos teóricos 1.9 km fosen similares aos dos 1.5 dos triatlóns de distancia olímpica, con entre 16 e 17 minutos para os de cabeza. Javier foi o primeiro en saír da auga e subirse á bici, pero cedeu o liderado como estaba previsto ao estadounidense Starowicz, alguén que gasta case toda a súa munición durante o ciclismo o cal lle sae moi rendible mediáticamente, pero que poucas veces lle serve para ser o primeiro na meta: “esa corrente a favor para min sido prexudicial xa que dificulta marcar diferenzas; é máis doado aguantar ao ronsel doutros que se che irían se non houbese esa corrente. De todas as maneiras, contaba con perder o liderado en bici. Iso si Starowicz non me preocupaba mentres non se me fose máis de 10 minutos e nos puntos de xiro comprobei que a súa vantaxe non ía ser tanta. Seguín a táctica prevista e cando me pasaron outros que si teñen bo nivel na terceira fase seguín sen problemas o seu ritmo, por suposto mantendo a distancia que marca o regulamento”.

Con iso Gómez Noya baixouse da bici o sexto, a case 4 minutos do líder pero co resto a menos dun. Aí comezou o seu recital, correndo a un ritmo imposible para o resto dos de cabeza: “preferín saír forte para coller o liderado o antes posible e logo conservar a vantaxe. Nada máis empezar xa púxenme segundo e ao líder paseille no 7. Dende aí non me espremín a tope aínda así incrementei a vantaxe. Ser un percorrido con varios tramos ida-volta é unha arma de dobre fío: permite relaxarte se vas cómodo na cabeza, pero pode ser un tormento se vas mal e te van cazando. Polo tanto non me podo mostrar máis contento da miña experiencia aquí; ademais da vitoria, a organización envorcouse en atencións e sentinme igual de animado que en España polo público e os triatletas afeccionados que competiron. O mesmo sucedeu hai días en San Diego ao recibir o premio da revista Triathlete USA. Son momentos de alegría que fan que me consideren moi afortunado pola vida que levo e que me motivan para seguir adestrándome e coidándome ao máximo a diario para seguir na elite”.

Esta vitoria incrementa o interese de cara á participación de Javi no campionato mundial desta distancia, en Canadá en setembro. Pero para iso quedan case 7 meses, nos que o obxectivo é revalidar o título das Series Mundiais que comezan en Nova Zelandia o 6 de abril. Alí irá Javier xunto ao seu adestrador Carlos David Prieto directamente dende Panamá; e alí encontrarase cos triatletas que xa estiveron con eles en Fuerteventura os que viaxan dende España. Pero non vivirán na cerca da capital Auckland, escenario do triatlón, senón na illa sur. Nun pobo chamado Wanaka, nunha zona famosa polo turismo de montaña que resulta ideal para o adestramento de triatletas ao estar á beira dun lago, contar con estradas de montaña para a bici, camiños sen fin para correr, así como completas instalacións deportivas.

Quizáis che interese…