Galicia estará moi presente na Copa de Europa de Triatlón de Banyoles, que se celebrará este domingo 27 de xullo na localidade catalá.
A proba feminina será a primeira en celebrarse, ás nove da mañá, coa participación de María Ortega (deportistas do grupo de Alto Rendemento do CGTD). Caeu da inscrición a ferrolá Melina Alonso, porque sufriu unha caída adestrando e aínda que xa volveu ao traballo, decidiron non forzar na súa reincorporación ás competicións.
Na categoría masculina (12:00 horas), destacada presenza de triatletas galegos: Uxío Abuín, Jesús Gomar, Nan Oliveras, Antonio Serrat, Pablo Dapena, Ricardo Hernández e Diego Paz. Jesús Gomar está nun bo momento de forma: A finais de xuño foi segundo na Copa de África de Larache e a pasada fin de semana ocupou a sétima posición na Copa de Europa de Ginebra, polo que espera seguir na mesma liña. Ademais, Antonio Serrat está a facer unha tempada espectacular, con medallas a nivel internacional (prata no Europeo júnior de tríatlon e prata no Mundial de duatlón), e tamén buscará un bo resultado na elite.
A proba celebrarase sobre a distancia curta (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe) e discorrerá por uns paraxes espectaculares, en torno ao lago de Banyoles (o máis grande de Cataluña).