Gustavo Rodríguez e Aída Valiño (Cidade de Lugo Fluvial) proclamáronse hoxe en Buitrago del Lozoya (Madrid) campións de España de Media Distancia. Triunfos nas dúas probas de elite que amosan, unha vez máis, o nivel do tríatlon galego.
En elite feminina Aída Valiño partía coma favorita, sobre todo polo magnífico estado de forma que está a amosar nas probas nas que participa. E a lucense cumpriu co previsto, nunha proba condicionada polas altísimas temperaturas. Foi comandando a proba dende o inicio, cunha natación espectacular e unha boa bicicleta, e chegou a segunda transición na primeira posición pero con Judith Corachan a non demasiada distancia. Judith logrou alcanzar e superar a Aída no quilómetro 5, pero despois pagou o esforzo realizado e Aida volveu a superala a falta de 2 quilómetros para o final. Así, triunfo de Aída Valiño, segunda posición para Judith Corachan e terceira, Esther Rodríguez.
Pola súa parte, Gustavo Rodríguez, que o pasado ano fora prata, tamén foi moi superior ao resto. O tudense, que perdeu máis de dous minutos na natación, logrou poñerse en cabeza mediado o segmento de bicicleta e así chegou en solitario á segunda transición. Pero a carreira a pe, coma na proba feminina, estivo tola, con cambios en cabeza. Gustavo, moi conservador polas altísimas temperaturas existentes, perdeu a primeira posición en favor de Fidalgo, que parecía lanzado cara a vitoria. Pero no quilómetro 12 Fidalgo comeza o seu particular calvario e Gustavo, a súa remontada, que lle permitiu chegar a meta en primeira posición, con máis dun minuto de vantaxe sobre Alejandro Santamaría e terceiro, Raul Amatriain.
Os percorridos desta durísima proba son de 1,9 quilómetros de natación, 74 quilómetros de bicicleta e 21 quilómetros de carreira a pe.
No campionato de España de media distancia do ano 2013, Gustavo Rodríguez foi prata, mentres que Aída que foi liderando a proba nos dous primeiros sectores, tivo que retirarse por culpa dunha escordadura de nocello.