Non houbo sorte para os galegos no Campionato de España de Media Distancia celebrado hoxe en Posadas (Córdoba) e iso a pesar de que Gustavo Rodríguez (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial) proclamouse subcampión de España. Pero no comezo do último segmento, tanto na categoría masculina coma feminina, os líderes eran galegos (Aída Valiño e Gustavo Rodríguez).
Na proba masculina Gustavo Rodríguez buscaba o podio nunha distancia na que se sinte moi cómodo e foi quen de acadalo. O pasado ano foi noveno e no 2013, prata e disputando o ouro no sprint final. Como era de esperar, o primeiro segmento (natación) foi onde máis sufriu, pero remontou na bicicleta, a súa especialidade, para chegar a T2 na primeira posición e con certa distancia sobre Peru Alfaro (primeiro en saír da auga) e Rubén Ruzafa, os tres verdadeiros protagonistas do campionato.
A dúbida, xa antes de comezar, era saber como respondería Gustavo neste segmento, xa que hai dous meses sufriu unha lesión que lle impediu adestrar durante máis de tres semanas. Aínda así, el era optimista porque no último mes adestrou moi ben. E así, rendeu a un moi bo nivel nunha proba moi rápida. Pouco a pouco Rubén Ruzafa e Peru Alfaro foron achegándose a el para enfrontar os últimos quilómetros xuntos. Parecía incrible que unha proba desta distancia -1,9 quilómetros de natación, 91 quilómetros de bicicleta e 21 quilómetros de carreira a pe- tivera que decidirse no sprint, pero así foi. Peru Alfaro (3:50:56) logrou impoñerse nos últimos metros ao tudense (a un segundo), que fixo unha proba excepcional, mentres que terceiro foi Rubén Ruzafa (3:52:19). Os tamén galegos Iván Cáceres (do Diablillos de Rivas) ocuparon a posición 11ª (4:08:01), mentres que Cristóbal Dios (Arcade Inforhouse) foi trixésimo (4:20:52).
Aída, retirada por lesión. As malas noticias xurdiron na carreira feminina despois duns inicios espectaculares. Durante o adestramento de onte Aída Valiño (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial) sufriu unha suave escordadura de nocello no pe operado e saíu a competir hoxe sen saber como respondería.
Aínda así, Aída Valiño, a nosa única participante, liderou a proba dende o inicio. Foi a primeira en saír da auga e tamén a líder destacada trala bicicleta. Parecía que sería un triunfo fácil para a galega sempre e cando o pe respondera na carreira a pe. Pero comezaron as dores e a galega veuse obrigada a parar na primeira volta. Volveu a intentalo, pero ao ver que seguían as molestias fortes preferiu abandonar antes de provocar unha lesión maior e deixou a proba no quilómetro 7. Así, proclamouse campioa de España Gurutze Frades. A pesar do abandono, Aída amosábase moi animada e xa pensaba en volver a adestrar dentro de poucos días.