Inforhouse Santiago e Náutico de Narón acadan en Vilagarcía os títulos Xunta de Galicia de Contra o Reloxo por Equipos

25 de Setembro de 2022

Vilaxoán acolleu este domingo o Tríatlon Concello de Vilagarcía, un evento que na súa undécima edición exerceu de Campionato Xunta de Galicia de Contra o Reloxo por Equipos. O Inforhouse Santiago na categoría feminina e o Náutico de Narón na masculina fixéronse cos títulos autonómicos absolutos. Ademais, tamén se disputaron a proba Open e o Campionato Escolar.

Sobre unha distancia de 750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 km de carreira a pé, as triatletas do Inforhouse Santiago marcaron os tempos de referencia de principio a fin. O sexteto formado por Ainhoa Gontán, Antía González, Martina López, Alba Muñiz, Adriana Pensado e Noa Taibo venceu cun rexistro final de 1 hora 15 minutos e 11 segundos. As gañadoras avantaxaron en 5:14 ao Hércules Termaria e en 5:19 ao Tríatlon Coruña, os dous equipos que escoltaron ao conxunto compostelán no podio.

O dobre título do Inforhouse Santiago impediuno o Náutico de Narón no Campionato Xunta de Galicia masculino. Primeira formación masculina que se lanzou á auga, os naroneses asinaron uns rexistros aos que ningún outro equipo puido igualar. O bloque composto por Carlos Bautista, Pablo Freire, Denis Incutti, Iago Lorenzo e Hugo Sanles detiveron o reloxo na liña de meta en 57:58. O Inforhouse Santiago quedouse a 43 segundos do ouro e a terceira praza do caixón acadouna o Tri-Penta Terras de Lugo (1:00:21).

Open e Escolar

O ‘dobrete’ do club cebra si que se deu na proba Open. O Inforhouse Santiago B dominou na competición feminina por diante do Hércules Termaria B, mentres que na masculina o conxunto C dos santiagueses encabezou unha clasificación na que o Tríatlon Ferrol C finalizou segundo e o Náutico de Narón B, terceiro.

A xornada organizada polo Tríatlon Vilagarcía / Atenas Running, a Fundación de Deportes de Vilagarcía de Arousa, a Federación Galega de Tríatlon e Péntalon Moderno (FEGATRI) e Lodeco tamén incluíu no seu programa o Campionato Escolas de Contra o Reloxo por Equipos. Nos 300 metros de natación, 10 km de ciclismo e 2 de carreira a pé anotáronse os títulos o Náutico de Narón e o Cidade de Lugo Fluvial.

O club de Ferrolterra apuntouse a vitoria feminina ante o Inforhouse Santiago e o Natación Cedeira, segundas e terceiras respectivamente. Pola súa banda, o Cidade de Lugo Fluvial foi o máis rápido nunha crono masculina na que os representantes do Natación Cedeira obtiveron as medallas de prata e os da A.D. Fogar colgáronse as de bronce.

A entrega de premios de todas as categorías contou coa presenza de Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía; Miro Serén, concelleiro de Deportes; e Gonzalo Triunfo, presidente da FEGATRI.

Quizáis che interese…