Iván Pereira (Mar de Vigo) e Mónica Mezquita (NoSportLimit) proclamáronse hoxe en As Pontes campións galegos de Longa Distancia 2017. Ademais, os vencedores do NorthWest Triman 2017 foron Juan José Foulquié e Ana López de San Román.
Grandísima a proba de Iván Pereira que, tras facer unha boa natación, voou durante a bicicleta para colocarse na segunda posición e saír líder da segunda transición, por diante de Pedro Escolante e do almeriense Juan José Foulquié (terceiro). Pero a maratón se lle fixo moi longa ao triatleta galego, que o deixou todo para chegar a meta na terceira posición e lograr así o título de campión galego. Hai que destacar a tremenda remontada de Foulquié, que chegaba a T-2 a quince minutos de Iván, e logrou superar a Pedro Escolante e a Pereira.
O podio do galego quedou formado por Iván Pereira como campión galego cun tempo de 09:28:01, a segunda posición foi para Francisco Soliño (Club Ciclista Tríatlon Poio) e o terceiro chanzo do podio foi para Aitor Franco Bouza (Club Ciclista Vilalba – As Pontes).
Na categoría feminina, o triunfo no NorthWest Triman foi para Ana López de San Román, do Tríatlon Claverías Móstoles, cun tempo de 10:51:02, mentres que a segunda posición foi para Carmen Peralta () e terceira, Ana Ivanov.
O título de campioa galega foi para Mónica Mezquita (NoSportLimit) cun tempo de 11:54:48. Olalla Duro (Atrogal-Tri 498) foi segunda, mentres que Belen Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) completou o podio.
Ademais da proba de longa distancia, que é o único tríatlon da distancia Ironmán que se disputa en Galicia, tamén se celebrou unha proba de media distancia (1,9 – 90 – 21), con máis de 300 deportistas inscritos. O triunfo feminino foi para Sonia Pariente e o masculino para Aimar Agirresarobe, sendo o galego Cristóbal Dios o segundo clasificado.
As Pontes repetiu como escenario do Campionato Galego de Longa Distancia, no que os participantes tiveron que facer 3,8 quilómetros de natación no Lago das Pontes, o lago artificial más grande de Europa. Posteriormente, recorreron os 180 quilómetros da proba (sen drafting), e remataron cos 42,2 quilómetros de carreira a pe, no entorno do lago.