JAVIER GÓMEZ NOYA, CAMPIÓN DO MUNDO DE TRÍATLON 2013 NUNHA FINAL ESPECTACULAR

19 de Setembro de 2013

Javier Gómez Noya logrou hoxe o seu terceiro título de campión do mundo nunha carreira única e irrepetible. Despois de case dúas horas de proba, con choiva e frío, todo se decidiu nos últimos metros. Gómez Noya superou ao sprint a Jonathan Brownlee e así logrou proclamarse campión do mundo 2013.

Era a opción máis complicada, pero Javi sabía que estas cousas son posibles no deporte, polo que nunca baixou os brazos e traballou arreo para preparase para a Gran Final de Londres. O seu obxectivo estaba claro: Gañar a proba e despois comprobar que fixeran os seus rivais. E así, cumpriu coa súa parte nun espectacular final ao sprint con Jonathan Brownlee, mentres que Alistair (o líder provisional) sufriu problemas físicos e afundiuse na carreira a pe.

Comezou a proba no lago The Serpentine de Hyde Park cun tempo que ameazaba choiva e bastante frío. Pero parece que a Richard Varga iso non lle importou moito e marcou un ritmo na natación altísimo que provocou importantes distancias entre os triatletas. Así, Varga foi o primeiro en saír da auga cun tempo de 17:04, mentres que os Brownlee estaban a só uns segundos e Javi un pouco descolgado (+19 segundos).

No segmento de bicicleta, Gómez Noya incorporouse enseguida ao grupo de cabeza e estivo nas primeiras posicións marcando o ritmo, pero sen poder separarse da marcaxe dos Brownlee. Coa aparición da choiva, a bicicleta fíxose ademais máis perigosa e o segundo grupo (onde estaba Mario Mola) foi achegándose aos primeiros. Nas dúas últimas voltas da bicicleta Alistair intentou escaparse do grupo, pero Javi saltou a por el e acabou coas súas esperanzas. Pero ese ataque non tiña moito sentido, a non ser que tivera problemas físicos. E así foi.

Os tres aspirantes ao título chegaban xuntos á segunda transición e enseguida puido comprobarse que Alistair estaba tocado, porque quedou descolgado enseguida. Mentres, Jonathan e Javi lideraban a cabeza e por detrás Mario Mola ía remontando posicións ata colocarse terceiro, aínda que sen posibilidade de loitar polo triunfo.

Despois dos case dez quilómetros, todo se ía decidir en douscentos emocionantes metros finais, aos que Jonathan chega en cabeza. Entra o británico na recta de meta con todo o público ao seu favor, pero Javi nun final apoteósico lograr superalo a só uns metros da liña de meta. Gómez Noya logra así o seu terceiro título de campión do mundo e continúa facendo lenda no deporte galego, español e mundial.

Ao remate da proba, o ferrolán manifestouse moi feliz: “É incrible lograr o título de campión do mundo. Probablemente non era o meu mellor día para correr, sentíame moi canso polo que esperei ao sprint para intentar acadar o triunfo. É incrible ser campión. Estou moi feliz”. Ademais felicitou a Mario Mola, que logrou a medalla de bronce e fixo unha tempada excepcional, e aos Brownlee.

FELICITACIÓNS PARA O GALEGO QUE LOGRA O TERCEIRO TÍTULO DE CAMPIÓN DO MUNDO!!!!

 

Quizáis che interese…