Este sábado 16 de marzo celebrarase o II Nada e Corre de Ourense, no que participarán máis de 200 deportistas das categorías menores (nenas e nenos nados entre os anos 2001 e 2011). Esta será a cuarta e última proba do programa Nada e Corre 2019 e a segunda da zona sur.
A proba da natación disputarase na piscina Rosario Dueñas, do pavillón dos Remedios a partir das 15:45 (o quecemento dende as 15:00 horas) e a carreira a pe terá lugar no Paseo de Barbaña (17:45 horas).
O programa Nada e Corre da presente tempada está formado por catro probas clasificatorias zonais (Lugo, Vigo, Carballo e Ourense) e unha final. A final será en Riveira o día 7 de abril e para a mesma clasificaranse os catro primeiros deportistas por categoría e sexo de cada proba zonal.
As distancias a realizar dependerán das categorías:
- Prebenxamín: 25 metros de natación e 250 de carreira a pe.
- Benxamín: 50 metros de natación e 500 de carreira a pe.
- Alevín: 100 metros natación e 500 carreira a pe.
- Infantil: 200 metros natación e 1.000 carreira a pe.
- Cadete: 400 metros natación e 2.000 carreira a pe.
Este programa, que comezou no 2012 promovido pola Federación Galega de Tríatlon, está dedicado ás categorías menores e ten como obxecto traballar en inverno a natación e a carreira, aspectos considerados fundamentais nestas idades polos técnicos.