Máis de 300 atletas tomarán a saída o sábado, 6 de xuño, na terceira edición do Tríatlon Concello de Porriño, que unirá as localidades de Tui e Porriño.
O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; o alcalde de Porriño, Nelson Santos; o concelleiro de Deportes Alejandro Lorenzo; o presidente da Federación Galega de Triatlón, Óscar Surís; e o gañador da primeira edición desta proba, o tudense Gustavo Rodríguez, asistiron hoxe ao acto de presentación, ao que tamén acudiu unha nutrida representación do Club de Atletismo Porriño e o Club Ciclista SPOL, ambos os dous colaboradores esenciais da organización.
O rexedor, quixo comezar recordando a súa intervención a Diego Salgueiriño, recentemente falecido, “unha persoa e un atleta que deixou unha pegada importante nos seus veciños e amigos e no deporte de Porriño“, e que, este sábado estará presente no recordo de todos os porriñeses.
Nelson Santos aproveitou a súa intervención para agradecer a todos os que, co seu traballo e esforzo, conseguen que un evento deportivo desta magnitude poida vivirse en Porriño “agradecer ao Club Ciclista SPOL e ao Club de Atletismo Porriño a súa inestimable colaboración, agradecer tamén a Alejandro a súa implicación e a todo o departamento de Deportes deste Concello, a Julio Bernández a súa dedicación e traballo para que todo saia á perfección e aos máis de 150 voluntarios que este sábado sairán” á rúa para asegurar que todo transcorra” “sen incidentes”, e concluíu, “é grazas a todos eles que este evento que en principio podería parecer imposible, non só se mantén, senón que cobra forza cada ano. Como alcalde, como amante do deporte e como porriñés, espero que perdure no tempo”.
Pola súa banda, Oscar Surís, quixo destacar o marcado carácter de promoción desta disciplina deportiva que ten este evento, “O Trñiatlon de Porriño é o paradigma da promoción deste deporte. Case o 30% dos inscritos participarán con licenzas dun día, é dicir atletas non federados que gozarán por un día do tríatlon grazas a este evento”. O presidente da Fegatri, aproveitou a súa presenza para poñer en valor a persoa de Gustavo Rodríguez, a quen definiu como “un exemplo de superación e esforzo”.
O atleta tudense, que quixo mostrar o seu apoio a este evento destacou “a calidade do circuíto e a organización, unha proba á altura dos mellores triatletas” e invitou a todo o mundo a vir a gozar desta festa do atletismo o próximo sábado vémonos en Porriño, espero ver os boxes a tope”.
Un convite ao que se uniu o Secretario Xeral para ou Deporte, que cualificou a proba como “un evento de primeira magnitude”, polo que quixo felicitar “a organización, aos clubs deportivos que colaboran, a todo o equipo de deportes do Concello de Porriño que dirixe M.Alejandro Lorenzo, e en especial ao alcalde, Nelson Santos, alguén absolutamente envorcado co deporte e con todo o que respecta a súa vila”.
A proba. Así, a partir das 17:00 horas a carreira dará o seu pistoletazo de saída no Porto Deportivo de Tui, onde os atletas percorrerán un tramo de 750 metros a nado no río Miño, para a continuación dirixirse en bicicleta a Porriño nun percorrido de 20,2 quilómetros pasando por Ribadelouro, Mosende, Pontellas, Torneiro e o Velódromo Municipal, con fin na rúa Domingo Bo. Unha vez alí, farase a transición para efectuar o último tramo, desenvolverase na zona urbana de Porriño, no que deberán completar a pé 5 quilómetros. Como en pasadas edicións, a meta estará situada na praza Antonio Palacios.
Haberá tres premios para cada unha das catro categorías: cadete, júnior, absoluta e veteranos; ademais do trofeo local, masculino e feminino.
III Mini Triatlón Concello do Porriño
O Concello de Porriño, en colaboración co Club de Atletismo Porriño, organiza simultáneamente o III Triatlón Mini, de carácter non competitivo, que se celebrará o mesmo día que a proba de adultos, a partir das 13:00 horas con saída na Piscina Municipal de Porriño.
Os pequenos atletas, nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, deberán nadar ininterrompidamente 25 metros no primeiro tramo de proba, para completar despois 700 metros en bicicleta ata a transición que se situará á altura da Igrexa Sta. María de Porriño. Unha vez alí, os pequenos que irán acompañados en todo momento dun adulto, deberán afrontar un último tramo de 300 metros a pé para completar a proba.