MAÑÁ 10 DE DECEMBRO COMEZA EN ORTIGUEIRA O PROGRAMA NADA E CORRE DESTA TEMPADA

9 de Decembro de 2016

O programa Nada e Corre do 2016/17 comeza esta fin de semana coa celebración da proba zonal de Ortigueira, que é clasificatoria para a final galega. O Nada e Corre de Ortigueira celebrarase o sábado 10 de  decembro a partir das 15:00 horas na Piscina Municipal coa participación de máis de 220 nenos e nenas (76 benxamíns, 45 alevíns, 46 infantís, 48 cadetes e 7 prebenxamíns).

Este programa, que comezou no 2012 promovido pola Federación Galega de Tríatlon, está dedicado ás categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e paratriatlon e ten como obxecto traballar en inverno  a natación, de forma moi especial, e a carreira, aspectos considerados fundamentais polos técnicos.

Así o programa Nada e Corre, que se desenvolve entre os meses de decembro e febreiro, está formado por cinco probas clasificatorias zonais (Ortigueira, Ourense, Carballo, Vigo e Riveira) e unha final. A final terá lugar o día 11 de febreiro en Pontevedra  e para a mesma clasificaranse un total de 9 deportistas por categoría e sexo.

As distancias a realizar dependerán das categorías:

  • Prebenxamín: 25 metros de natación e 250 de carreira a pe.
  • Benxamín: 50 metros de natación e 500 de carreira a pe.
  • Alevín: 100 metros natación e 500 carreira a pe.
  • Infantil: 200 metros natación e 1.000 carreira a pe.
  • Cadete: 400 metros natación e 2.000 carreira a pe.

Quizáis che interese…