María José Martínez (Club Ciclismo-Tríatlon Poio) e Darío Manuel Otero Pampín (Tríatlon O Treito) proclamáronse hoxe vencedores do VII Dúatlon Cross Candeán-Trasmañó, proba coa que se pechou o circuíto galego de dúatlon cross.
Na categoría feminina, comezou mandando no primeiro segmento Cristina Torres (Mar de Vigo). Pero María José Martínez decidiu na bicicleta, na que logrou unha ampla distancia que lle permitiu garantir a vitoria, a pesar de que Torres volveu a recuperar algún tempo no último tramo de carreira a pe. Desta forma, o podio estivo formado por María José Martínez (02:38:08) na primeira posición, con Cristina Torres no segundo posto (02:43:30) e o terceiro lugar foi para Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) cun tempo de 02:44:46.
Na proba masculina houbo unha dura e apertada loita. No primeiro segmento dominaba David Landeira (Asociación Deportiva Media Ducia), con case 10 segundos de vantaxe sobre Darío Otero (Tríatlon O Treito) e David Calzas (Tríatlon Costa da Morte), que partían como favoritos para loitar polo triunfo. A bicicleta foi decisiva cun Otero espectacular que logrou poñerse en cabeza e con certa comodidade. Por detrás David Calzas ocupaba a segunda posición, mentres que terceiro se colocaba Marcos Mayo (Tríatlon O Treito). E estas posicións xa non modificaron no último segmento de carreira a pe. Desta forma, a primeira posición foi para Darío Otero (01:40:22), con David Calzas (01:42:02) en segundo lugar e Marcos Mayo (01:43:15), terceiro clasificado.
Os participantes tiveron que correr 5,5 quilómetros, facer 20 quilómetros en bicicleta de montaña e remataron con 2.750 metros a pe. O circuíto a pe, polo Parque Forestal do Vixiador, fíxose máis duro pola choiva das últimas horas. O percorrido en bicicleta tamén foi exixente con bastantes subidas e baixadas.
Os resultados noutras categorías foron:
- Júnior: Cristina Torres (Mar de Vigo)
- Veterán 1: Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) e Elpidio Gómez (licenza dun día).
- Clubs: Tríatlon O Treito (masculino).
O Circuíto Galego de Dúatlon Cross 2017 está formado por tres probas: Beariz, Maside e Candeán. Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterán (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto. Na proba de Beariz proclamáronse vencedores Lara Lois (licenza dun día) e David Calzas (Tríatlon Costa da Morte), mentres que na de Maside gañaron Lara Lois (licenza dun día) e Darío Manuel Otero Pampín (Tríatlon O Treito).