MASIDE ACOLLERÁ O DOMINGO 25 DE XANEIRO A SEGUNDA PROBA DO CIRCUÍTO GALEGO DE DUATLÓN CROSS

22 de Xaneiro de 2015

O domingo 25 de xaneiro (11:00 horas) celebrarase o V Duatlón Cross Concello de Maside, que é a segunda proba do Circuíto Galego e tamén forma parte do Gran Premio Aviamán Cross. En total hai 135 inscritos nesta proba.

Entre os favoritos para facerse co triunfo na categoría masculina podemos destacar a Marcos Mayo (Tríatlon O Treito), Darío Manuel Otero (Team Corbelo), Brais Misa (Atletismo Porriño), Fabián Ubeira (Asociación Deportiva C.A.R.) ou Enrique Morán (Atletismo Porriño). Marcos Mayo foi o gañador da primeira proba do circuíto, que se celebrou a pasada fin de semana en Beariz.

Na categoría feminina, cunha curta participación, Ana Varela (vencedora en Beariz) tentará repetir triunfo, e para iso terá que superar a María Martínez (licenza dun día), Belen Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) ou Fátima Veloso (Beariz Tríatlon).

Os participantes terán que correr 6 quilómetros, facer 20 quilómetros en bicicleta de montaña e rematarán con 3 quilómetros a pe. A proba comezará na Alameda de Maside e o circuíto de bicicleta discorrerá nun 85 por cento por montaña, pola paraxe natural do Puzo do Lago. Un espectacular percorrido para esta competición.

O Circuíto Galego de Duatlón Cross está formado por tres probas: Beariz, Maside e Samieira. Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterán (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto. Na proba de Beariz resultaron vencedores Marcos Mayo e Ana Varela.

Quizáis che interese…