O sábado 11 de agosto disputarase o II Trishark Narón 2018, coa inscrición de case 300 triatletas nas dúas probas previstas (distancias supersprint e sprint). Esta proba, que se celebrará no paseo marítimo de Xuvia, será organizada polo Náutico de Narón.
A competición dará comezo ás 16:15 coa disputa dunha proba popular en distancia supersprint (300 natación, 12 quilómetros de bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira). En total hai 70 inscritos. Pola súa banda a proba principal, con 200 inscritos, disputarase en formato sprint (750 metros de natación, 24 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pe) sendo a saída da proba feminina ás 17:15 horas, e a masculina ás 17:30 horas.
Na categoría feminina defende a vitoria do pasado ano Melina Alonso (Tríatlon Ferrol), que en xullo logrou o título de campioa de España de Tríatlon na distancia sprint en Banyoles. Melina terá grandes competidoras, xa que na inscrición provisional figuran as irmás Brea (Joselyn e Edymar) do Tri-Penta Terras de Lugo; Carmén Gómez (Tríatlon Ferrol), Marta Barbeito (Náutico Narón), Paula Herrero (Náutico de Narón) ou a cadete Carla Guisande (Cidade de Lugo Fluvial), entre outras.
Na proba masculina tamén contamos con deportistas dun gran nivel coma Brais Canosa (Arcade Inforhouse), Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol) Diego Paz (Arcade Inforhouse), Antón Ruanova (Arcade Inforhouse), Carlos Brión (Natación Riveira) ou os cadetes Esteban Basanta (Cidade de Lugo Fluvial), Jorge Morado (Tríatlon Ferrol) e Jorge González (Natación Riveira), que auguran unha fermosa competición.