O 21 DE MAIO CELEBRARASE EN SANXENXO O GALEGO DE TRÍATLON DE MEDIA DISTANCIA

19 de Maio de 2017

Este domingo 21 de maio (08:00 horas) celebrarase o II 113 Swim Ride Run de Sanxenxo, que será ademais o Campionato Galego de Media Distancia 2017. Ademais, este ano tamén se celebrará un tríatlon olímpico, de forma que en Sanxenxo participarán máis de 250 deportistas nas diferentes probas.

No 113 Swim Ride Run os máis de 150 participantes deberán realizar 1.900 metros de natación na praia de Silgar; 90 quilómetros de ciclismo (con continúas subidas e baixadas) e rematarán con 21 quilómetros de carreira a pe. As transicións e meta estarán ubicadas na Praza do Mar. A proba masculina comezará ás 8:00 horas e a feminina dará a saída dez minutos máis tarde.

Entre os deportistas inscritos destacan Cristóbal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo), Juan Francisco Fernández Moldes (Tríatlon Poio) ou Ismael López (Tríatlon Vilagarcía), aínda que non estará o actual campión galego Pablo Dapena (Cidade de Lugo) ou Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo), o gran especialista galego en media e longa distancia. Ambos participaron a semana pasada no Campionato de España de Tríatlon de Media Distancia con título para Gustavo e segunda posición para Pablo Dapena. Na categoría feminina, Sonia Pariente (Tríatlon Rías Baixas) defenderá o título do pasado ano, ante María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial), entre outras.

O Tríatlon Olímpico, cuns 100 deportistas inscritos, comezará ás 8:45 horas e e os participantes deberán facer 1.500 metros de natación, 45 quilómetros de ciclismo e 10 quilómetros de carreira a pe.

 

 

 

Quizáis che interese…