O 6 DE SETEMBRO CELEBRARASE EN LUGO O CAMPIONATO GALEGO DE TRÍATLON 2015

3 de Setembro de 2015

O domingo 6 de setembro disputarase en Lugo o XXVII Tríatlon do Miño, que é ademais o Campionato Galego de Tríatlon 2015, como xa sucederá o pasado ano. Ao longo de toda a mañá celebrarase un Nada e Corre para os máis pequenos e non competitiva (10:00 horas), unha proba popular (10:05) e os Galegos masculino (12:30) e feminino (11:20): En total, máis de 200 deportistas facendo tríatlon.

O Campionato Galego disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe), con saída, boxes e meta na área creativa Los Robles. Para poder participar nesta proba os participantes tiveron que lograr a clasificación nas diferentes probas que conforman o circuíto galego de tríatlon de estrada, polo que poderemos gozar cunha proba de moi alto nivel competitivo.

Así, na proba feminina (11:20 horas) haberá unha importante participación e de gran nivel deportivo. As favoritas a loitar polo título galego serán ás irmás Alonso (Camila e Melina), do Tríatlon Ferrol, e Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo). Melina Alonso defenderá o título de campioa galega acadado no 2014 tamén en Lugo.

Na categoría masculina (12:30 horas) non está inscrito o actual campión galego, Brais Canosa, polo que haberá relevo no título. Contaremos coa presenza de destacados triatletas coma Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo), Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), Diego Paz (Arcade Inforhouse), César Ramiro Saracho (Tríatlon Arteixo) ou José Ricardo Vega (Tríatlon Arteixo).

 

 

 

Quizáis che interese…