O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIATLÓN DISTANCIA SPRINT CELEBRARASE ESTA FIN DE SEMANA EN TARRAGONA

20 de Xuño de 2013

Altafulla (Tarragona) acollerá esta fin de semana o Campionato de España de Tríatlon na distancia sprint, con importantes ausencias na categoría elite. Así, Óscar Vicente, que foi campión o pasado ano, non defenderá o título, e os deportistas máis importantes do tríatlon español non acudirán a esta cita. Ademais, tamén se disputará o título nas categorías cadete, xúnior e paratri.

Onde si haberá nivel será na categoría cadete, que será a primeira das probas en celebrarse (sábado 22, ás 14:50 a proba masculina, e ás 14:52, a feminina). Nas dúas categorías Galicia loitará polo podio con deportistas que están ocupando os primeiros postos en todos os campionatos. Podemos destacar como favoritos a Andrés Cendán (Dexter) na proba masculina e a Carla Castaño (Arcade), Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol), Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) e Sara Guerrero (Narón), na feminina. As distancias da proba cadete son 750 metros en natación, 10 quilómetros de bicicleta e 3 quilómetros de carreira a pe.

O sábado tamén se celebrará a proba de paratri, coa participación da viguesa Susana Rodríguez, e as distancias serán 750-20-5.
O domingo comezará coa celebración da proba xúnior (17:00 horas), na que Galicia contará con deportistas importantes. Na categoría feminina destacan Diana Cotón (Arcade Inforhouse), Laura Gómez (Tríatlon Ferrol), Xiana Rendo (Dexter) ou Sara Rial (Dexter), mentres que nos chicos Antonio Serrat parte coma o favorito para loitar polo podio.

A proba de elite feminina comezará 18:30 horas e o máis destacado é a presenza de Marta Jiménez (Wild Wolf Cidade de Lugo), que reaparece despois de varios meses lesionada, polo que enfronta este campionato coma unha proba para medir o seu estado físico. Na proba masculina (19:30 horas), o campionato está completamente desvalorizado ante a ausencia dos nomes máis importantes do tríatlon español, moitos deles galegos. O pasado ano gañou o campionato Óscar Vicente e hai dous, o campión foi Javier Gómez Noya, pero ningún deles estarán en Tarragona.

Quizáis che interese…