O CAMPIONATO GALEGO DE ACUATLÓN CELEBRARASE O DOMINGO 4 EN PORTOSÍN

1 de Agosto de 2013

O Campionato Galego de Acuatlón 2013 celebrarase o domingo 4 de agosto no Real Club Náutico de Portosín coa participación de 214 deportistas (73 na absoluta, 55 en alevíns e benxamíns, 31 en cadetes, 42 en infantís e 13 na proba popular). Os organizadores do evento son o Concello de Porto do Son e Arcade Inforhouse en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon. Os campións do 2012 son Uxío Abuín e Melina Alonso, que non estarán en Porto do Son.

 Este torneo, que comezará as 10:40 horas coa saída de benxamíns e alevíns, disputarase en todas as categorías e as distancias son diferentes dependendo da idade dos participantes. Así os benxamíns e alevíns terán que facer 500 metros de carreira a pe, 200 metros de natación e 500 metros de carreira a pe. Os infantís sairán as 11:00 horas (1.000 metros, 400 natación e 1.000 metros), mentres que a saída cadete será ás 11:35 horas (1.500 metros, 500 natación e 1.500 metros). A pesar de que a proba estrela é a absoluta, nesta edición merece un apartado especial a proba cadete, grazas a o altísimo nivel dos deportistas galegos. Estarán nesta proba os campións e subcampións de España cadete de acuatlón masculino e feminino, xa que todos eles son galegos. Andrés Cendán e Carmén Gómez lograron o título por diante dos tamén galegos Inés Santiago e Marcos Ruíz. Así que poderemos ver en acción aos mellores de España.

Na categoría absoluta feminina Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) non defenderá o título do pasado ano e así ábrese un amplo abano de posibilidades, xa que hai varias deportistas con opcións de loitar polo título: Marta Barbeito (A.D. Fogar), Silvia Deira (Arcade Inforhouse), Xiana Rendo (Dexter Tríatlon),  Estefanía Sande (Tríatlon Ferrol) ou Diana Cotón (Arcade Inforhouse).

Na categoría masculina parte como favorito Antonio Serrat (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial) que está facendo unha moi boa tempada e cunha carreira a pe moi boa, mentres que non defenderá o título o campión do 2012 (Uxío Abuín). Ademais, estarán Alejandro Álvarez (Wild Wolf Cidade de Lugo) ou Cristóbal Dios (Arcade Inforhouse) entre outros. As distancias na proba da categoría absoluta (12:00 horas) son de 2.500 de carreira a pe, 1.000 metros de natación e 2.500 de carreira. En total haberá 73 inscritos na proba elite.

Ademais, tamén terá lugar unha proba popular (10:00) na que as distancias serán de 1.500 de carreira a pe, 500 metros de natación e finalizará con 1.500 de carreira.

Nova data. O Campionato Galego de Acuatlón celebrarase esta fin de semana, despois de que se decidirá aprazalo con motivo do tráxico accidente de tren que tivo lugar en Santiago de Compostela o pasado día 24 de xullo. Inicialmente estaba previsto para o día 28 de xullo e este cambio provocou algunhas baixas, aínda que a participación é moi similar.

 

 

 

Quizáis che interese…