O Cidade de Lugo Fluvial masculino sumou a segunda prata da fin de semana en Boiro ao quedar na segunda posición do campionato de España de Dúatlon de relevos, nunha emocionante loita co Ferrer Hotels – M3T. Ademais, hai que destacar o ouro do equipo feminino do Cidade de Lugo no Campionato de España Escolar e o bronce do Náutico de Narón.
Esta modalidade, bastante recente, resulta moi atractiva e espectacular para o público. Os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realiza un pequeno dúatlon (1,5 quilómetros de carreira a pe, 5,3 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira a pe). Durante a proba houbo momentos de chuvia, que fixo o asfalto máis perigoso, principalmente na bicicleta.
Na categoría masculina Cidade de Lugo e Ferrer Hotels ofreceron un fermoso espectáculo, cunha gran loita polo título. Trala segunda quenda, o conxunto galego ía por diante e todo tivo que decidirse no último relevo, con Emilio Martín polos mallorquinos e Antonio Benito polos galegos. Na carreira a pe, ía por diante Benito, pero Martín atacou na bicicleta e logrou unha pequena distancia que foi suficiente para acadar o triunfo. Así, ouro para Ferrer Hotels – M3T (50:37), prata para Cidade de Lugo (51:05) e bronce para Kafewake Race Team (51:11). Ademais, hai que destacar a oitava posición do Tri-Penta Terras de Lugo (51:34).
Na proba elite feminina non houbo medallas galegas, aínda que o Cidade de Lugo Fluvial loitou en algún momento polo bronce, para finalmente chegar a meta na oitava posición cun tempo de 01:03:02, mentres que o triunfo foi novamente para o Ferrer Hotels, que logrou catro ouros en Boiro esta fin de semana.
Dúas medallas galegas, no Escolar. No Campionato de España de Relevos Escolar Feminino, o Cidade de Lugo Fluvial logrou o título (01:02:51), seguido polo Saltoki Trikideak (01:03:11) e co Náutico de Narón, na terceira posición (01:04:22). No escolar masculino, varios equipos galegos estiveron ben clasificados entre os dez primeiros. Así o Tríatlon Ferrol A foi cuarto; o Cidade de Lugo Fluvial B, quinto e o Cidade de Lugo A foi oitavo. Nas probas Open, non houbo galegos entre os dez primeiros clasificados.