O DOMINGO 15 DE XULLO CELEBRARASE O TRÍATLON DO MIÑO CON MÁIS DE 200 PARTICIPANTES

12 de Xullo de 2018

O domingo 15 de xullo disputarase en Lugo a trixésima edición do Tríatlon do Miño coa participación de 210 deportistas nas diferentes probas organizadas. Ademais da proba oficial, clasificatoria para o Campionato Galego, celebrarase un Nada e Corre para os máis pequenos e non competitivo (09:50 horas) e unha proba popular (10:00 horas).

O Tríatlon do Miño disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 19,5 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe), con saída, transición e meta  na área recreativa Los Robles.

Na proba feminina (12:30 horas) as favoritas a loitar polo triunfo  serán as irmás Brea (Joselyn e Edymar, do Tri-Penta Terras de Lugo), María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial), Beatriz Dumet (Tríatlon Arteixo) ou Estefanía Abelenda (Tríatlon Arteixo), entre outras.

Na categoría masculina (11:00 horas saída masculina sen corte e 12:20 horas, con corte) haberá unha destacada participación, con triatletas coma Gustavo Rodríguez, Luismi Velásquez ou Cristóbal Dios (todos eles do Tri-Penta Terras de Lugo), os cadetes Esteban Basanta e Martín Cando, Antonio Benito  ou Alejandro Álvarez (do Cidade de Lugo Fluvial), Pablo Pedrosa (Tríatlon Ferrol) ou Iván Rubio e Federico Scarabino  (ambos do Tríatlon Arteixo).

Outras probas. Ademais, celebrarase unha popular na distancia mini-sprint (300 metros de natación, 13 quilómetros de bicicleta e 1,8 de carreira a pe) que comezará ás 10:00 horas, así como un Nada e Corre non competitivo para as categorías benxamín e alevín (09:50 horas). As distancias do Nada e Corre son de 50 metros de natación e 500 metros de carreira a pé.

 Ano 2017. Joselyn Brea e Antonio Serrat (ambos do Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse vencedores do XXIX Tríatlon do Miño, que tamén era clasificatoria para o Campionato Galego.

 

 

 

Quizáis che interese…