O DOMINGO 28 DISPUTARASE O DÚATLON CROSS DE MASIDE CON CASE 80 PARTICIPANTES

25 de Xaneiro de 2018

O domingo 28 de xaneiro (11:00 horas) disputarase o VIII Dúatlon Cross Concello de Maside, segunda proba do circuíto galego 2018, que reúne a  case 80 participantes.

Entre os duatletas inscritos destaca a presenza do gañador do Dúatlon Cross de Beariz, Marcos Mayo (Tríatlon O Treito), David Calzas (Tríatlon Costa da Morte) ou Darío Manuel Otero Pampín (Tríatlon o Treito), quen logrou a vitoria nesta proba o pasado ano. Na categoría feminina, non se atopa na inscrición a gañadora do pasado ano, Lara Lois, pero si figura a vencedora da primeira proba da presente tempada, Silvia Deira (Olímpico de Vedra), Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial), Ana María López (Ourense Atletismo) ou Lorena García (Mar de Vigo).

Os participantes terán que correr 6 quilómetros, facer 20 quilómetros en bicicleta de montaña e rematarán con 3 quilómetros a pe. A proba comezará na Alameda de Maside (11:00 horas) e o circuíto de bicicleta discorrerá nun 85 por cento por montaña, pola paraxe natural do Puzo do Lago. A meta (igual que a área de transición) estará ubicada na Alameda.

O Circuíto Galego de Dúatlon Cross 2018 está formado por dúas probas: Beariz e Maside. Hai clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterán (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto. Na proba de Beariz, disputada a pasada fin de semana, proclamáronse vencedores Marcos Mayo (Tríatlon O Treito) e Silvia Deira (Olímpico de Vedra).

Quizáis che interese…