O domingo 4 de febreiro (11:00 horas) celebrarase en Samieira – Poio o XII Dúatlon Cross Concello de Poio, que é ademais o Campionato Galego de Dúatlon Cross 2018, coa participación de preto de 60 deportistas.
Este ano as e os participantes estrean circuíto, aínda que se mantén a dureza e velocidade do mesmo. Terán que correr 6 quilómetros, facer 21 quilómetros en bicicleta de montaña e rematarán con 3 quilómetros a pe. A saída, meta e transicións estarán situadas no campo de fútbol de Samieira e os circuítos descorrerán por pistas forestais e sendeiros bastante técnicos.
Na categoría feminina hai pouca participación, con Nuria Álvarez (Tríatlon Vao), vencedora do Dúatlon Cross de Maside; e Silvia Deira (Olímpico de Vedra), vencedora da proba de Beariz, como principais favoritas, xunto a María José Martínez (licenza dun día). Non defende o título a vencedora do pasado ano, Lara Lois (GV Sports Club).
Na proba masculina participará o campión galego 2017, Darío Manuel Otero Pampín (Tríatlon o Treito), que terá como rivais a deportistas coma o seu compañeiro de equipo, Marcos Mayo (vencedor en Beariz) ou David Calzas (Tríatlon Costa da Morte), que gañou en Maside e foi segundo en Beariz. Ademais, hai que destacar a participación de varios integrantes do club local, Club Ciclismo-Tríatlon Poio, e de deportistas da Federación Galega de Ciclismo, grazas ao acordo asinado entre as federacións galegas de Ciclismo e Tríatlon.
Campións 2017. O pasado ano proclamáronse campións galegos de Dúatlon Cross Lara Lois (GV Sports Club) e Darío Manuel Otero Pampín (Tríatlon O Treito) na proba disputada en Poio.