O grupo de rendemento do CGTD parte cara Chile na busca de puntos internacionais

6 de Febreiro de 2014

A vindeira semana o grupo de rendemento do Centro Galego de Tecnificación Deportiva inicia unha concentración en Chile á que os triatletas becados en Pontevedra acoden co obxectivo de sumar puntos internacionais en tres probas ITU ao tempo que os triatletas chilenos se axudan dos deportistas da FEGATRI para competir con éxito nos Xogos Sudamericáns, todos eles baixo a dirección do técnico Omar González durante esta estadía.

Deste xeito, a boa pretempada queda avalada por resultados como os triunfos de Nan Oliveras e María Ortega, xunto ao segundo posto de Ricardo Hernández, no Aviamandu do pasado domingo no Carballiño.

Cales son os retos de 2014? Omar González detállaos individualmente.

Fernando Alarza: traballará para consolidarse en categoría elite aínda sendo sub-23 e por iso tentará estar en tódalas Series Mundiais do ano, dado que esta tempada puntuarán até cinco das sete citas do circuíto ademais da Gran Final. “Melloraremos máis en natación, buscaremos ser máis consistentes en bici e correr aínda máis rápido”, avanza o técnico da FEGATRI sobre o completo Alarza. Desta forma, podería loitar por un top-15 mundial.

Ricardo Hernández: sendo o seu último ano como sub-23, centrarase no Europeo e no Mundial da súa franxa de idade e aumentará as súas presenzas en Series Mundiais e Copas do Mundo para estar entre os 50 mellores do ranking ITU e entre os seis mellores triatletas de España.

O grupo de rendemento xunto aos triatletas de tecnificación do CGTD

O grupo de rendemento xunto aos triatletas de tecnificación do CGTD

“Hai boas previsións para que Alarza ou Ricardo, e tamén Uxío Abuín ou Óscar Vicente, consigan a terceira praza olímpica masculina que seguro terá España nos Xogos de Rio”, augura Omar González.

Tanto Fernando Alarza como Ricardo Hernández deixarán aos seus compañeiros na concentración en Chile para acudir ás Copas do Mundo de Mooloolaba (15 de marzo, Australia) e New Plymouth (23 de marzo, Nova Zelandia) e así clasificarse para as primeiras Series Mundiais do ano en Auckland (6 de abril, Nova Zelandia).

Melina Alonso: a ferrolá pode optar a un top-8 nos campionatos de Europa e do Mundo en categoría sub-23 e comezar a competir en Series Mundiais tralo seu debut en 2013 en Madrid onde non puido finalizar a proba. “O seu nivel subiu moitísimo, esperamos que sexa a mellor sub-23 de España”, asegura Omar González, adestrador que introduxo á galega no multideporte.

María Ortega: as súas miras están postas na elite e por iso sumarase a Alarza e Hernández nas Series Mundiais de Cidade do Cabo (26 de abril, Sudáfrica) nun ano no que pode estar no podio do campionato de España de tríatlon.

“Non está claro que España consiga clasificar tres mulleres para Rio 2016 pero, sen dúbida, Melina Alonso e María Ortega teñen nivel para iso”, valora o técnico xunto ao que Javi Gómez Noya logrou a súa prata olímpica.

Diego Paz: despois de ser o único representante español nos primeiros Xogos Olímpicos da Xuventude, o ponteareán tentará acadar o podio no campionato de España sub-23 e a clasificación para os seus campionatos de Europa e do Mundo. O triatleta galego afronta o 2014 coa confianza que dá a pretempada xa realizada: “o meu forte é a natación pero agora fixen máis volume e mellorei, co grupo do CGTD tomo tódolos hábitos moito máis en serio, e agardo mellorar tamén correndo”.

Iñaki Baldellou: cunhas perspectivas semellantes ás de Diego Paz, enfocarase a maiores no Europeo e no Mundial de Tríatlon Cross.

Nan Oliveras: sendo sub-23, xa nas próximas semanas en Sudamérica correrá en elite. Segundo Omar González, ten posibilidades de estar entre os dez primeiros nos campionatos de Europa e do Mundo, iso si, clasificarse tampouco será sinxelo e para iso se adestra en Pontevedra.

Antonio Serrat: o “protexido” do grupo, tal e como o cualifica o seu técnico, e tamén o gran beneficiado por adestrar entre triatletas de tanta calidade. Despois de chegar á sétima praza no Europeo e á novena no Mundial junior de 2013, este ano prepárase para conseguir unha medalla internacional. Sobre esas opcións, o vigués é prudente: “mentres durmo véxome tódolos días nese podio pero hai que seguir adestrando”.

Paralelamente ao tríatlon, tanto Nan Oliveras como o galego Antonio Serrat teñen marcado en vermello o 31 de maio e 1 de xuño, datas nas que estarán en xogo as medallas do Mundial de Dúatlon 2014 en Pontevedra. “Faríame moita ilusión competir nun Mundial que se fai onde adestras tódolos días”, recoñece Serrat e non é o único. Melina Alonso, bronce mundial nesta modalidade en junior e sub-23, asegura: “repetiría encantada unha medalla en Pontevedra”.

Para iso, o grupo de rendemento porá fin á súa estancia en Chile tralas Copas Panamericanas de Mendoza (16 de febreiro, Arxentina), Coquimbo (22 de marzo, Chile) e Valparaíso (30 de marzo, Chile). Chegarán, polo tanto, en abril para certificar no campionato de España da disciplina en Avilés, agás Melina que xa está clasificada ao ser a actual campioa de España de Dúatlon na súa categoría, as súas prazas para o Mundial de Dúatlon de Pontevedra.

Á volta de Chile, os triatletas regresarán a Galicia

Á volta de Chile, os triatletas regresarán a Galicia

 

Quizáis che interese…