O sábado 28 de maio celebrarase o IV Tríatlon Popular Porriño-Tui, que unirá as localidades do Porriño e Tui, con 320 deportistas inscritos. É unha proba popular que move a gran número de participantes e ademais cun alto nivel competitivo.
A proba comezará na localidade de Tui, coa celebración do segmento de natación (750 metros) no río Miño; o sector de bicicleta (20,2 quilómetros) realizarase entre as ambas localidades, e o segmento de carreira a pe (5 quilómetros) descorrerá polo casco urbano do Porriño. O remate está previsto na Praza Antonio Palacios. A proba dará comezo ás 16.00 horas (saída masculina).
Na categoría masculina haberá unha importante participación entre os que podemos destacar a Martín Carrera (Natación Riveira), que foi o gañador do pasado ano; Brais Iglesias (Arcade Inforhouse), Lucas Escaneo (Tríatlon Morrazo) ou Francisco Cendán (Talleres David- Tríatlon Compostela).
Na categoría feminina (16:10 horas), a local Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) acaparará toda a atención, a pesar de ser aínda cadete. Hai unhas semanas proclamouse campioa de España de Tríatlon da categoría cadete e sempre rende a un altísimo nivel. Tamén están inscritas deportistas coma Marta Barbeito (A.D. Fogar), Mariña Ramos (GV Sports) ou Inés Castaño (Arcade Inforhouse).
Ano 2015. Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) e Martín Carrera (Natación Riveira) proclamáronse vencedores da terceira edición do Tríatlon Popular Porriño-Tui.