O lucense Jarno Pousada, campión de España de Dúatlon 2026

1 de Marzo de 2026

O deportista lucense Jarno Pousada, do Cidade de Lugo Fluvial, proclamouse campión de España de Dúatlon 2026 na categoría Élite tras impoñerse na proba disputada o sábado en Cáceres. O madrileño Nacho Gálvez, federado por Galicia e representante do club galego Deportivo Delikia, acadou a medalla de prata tras unha chegada moi disputada que mantivo a emoción ata os últimos metros.

Pousada asinou unha gran actuación para facerse co título cun tempo de 52:23, superando a Nacho Gálvez, que cruzou a meta en 52:33, e a Andrés Hilario, do Triatlón Albacete Res, terceiro cun rexistro de 52:39 tras incorporarse ao grupo de cabeza durante o segmento ciclista. A cuarta posición foi para Roc Bellostas, do Katoa Barcelona, mentres que Joanes Goitosolo, do Peñota Dental, rematou quinto.

Ademais do título absoluto, Jarno Pousada tamén se proclamou campión de España na categoría Sub-23, por diante de Paco Martí, do Deporama Triatlón Soriano, e Eneko de Castro, do Diablillos de Rivas. Na clasificación por equipos Sub-23 impúxose o Cidade de Lugo Fluvial, seguido do Deporama Triatlón Soriano e do Diablillos de Rivas. Na clasificación por equipos Élite, o triunfo foi para o Deporama Triatlón Soriano, con Peñota Dental na segunda posición e Cidade de Lugo Fluvial na terceira praza.

Na categoría feminina Élite, a vitoria foi para María Varo, do Tri Infinity Móstoles, que se impuxo con autoridade cun tempo de 59:00. A segunda posición foi para Noelia Juan, do CEA Bétera (59:17), e a terceira para Ana Carballo, do Cidade de Lugo Fluvial (59:42). As tres lideraron a proba desde o inicio xunto a Marina Muñoz, do Deporama Triatlón Soriano, que se mantivo na loita ata o tramo final do ciclismo e rematou na cuarta posición. Lucía García, do Stadium Casablanca Mapei, foi quinta e Sara Reimondo, do Cidade de Lugo Fluvial e federada por Galicia, sexta.

Por equipos femininos Élite impúxose o Cidade de Lugo Fluvial, por diante do CEA Bétera e do Deporama Triatlón Soriano. Na categoría Sub-23 feminina a vitoria foi para Ana Carballo, con Lucía García na segunda posición e Miriam Andreu, do Triatlón Albacete Res, terceira. O Cidade de Lugo Fluvial tamén acadou o triunfo por equipos Sub-23 feminino, seguido do Stadium Casablanca Mapei.

María Varo e Jarno Pousada adxudicáronse ademais o Reto 300, que premia ás mellores e aos mellores duatletas no conxunto dos tres segmentos da competición.

Campionato de España de Dúatlon Paralímpico

As competicións comezaron co Campionato de España de Dúatlon Paralímpico, no que se proclamaron campións:

PTWC: Eva María Moral (Triatlón 401 Woodcycling) e José Cristóbal Ramos (Sobre 2 Ruedas Bikes)
PTS5: María Fuertes (La 208 Triatlón Club de Elche) e Damián Sánchez Vidal (Tragamillas-Viator-Mercaluz)
PTS4: Carmen González (Triatlón Huelva) e Samuel Rodríguez (Triatlón 401 Woodcycling)
PTS3: Kini Carrasco (Ecosport Alcobendas)
PTS2: Lionel Morales (Natación Nadamás Las Marinas)
PTS7: Alejandro Meneses (Tenerife-Reactivité Fisioterapia-In Side Logistics)
PTS8: Nagore Otero (Triatlón Poio)
PTVI: Lucía Peña (Triatlón Ávila) e Abel Torreblanca (Koryo Torre-Pacheco)

Resultados do domingo

O domingo 1 de marzo disputáronse as competicións de grupos de idade, con participación de clubs galegos.

Así mesmo, celebrouse o Campionato de España de Dúatlon na categoría xuvenil, no que Galicia logrou unha medalla grazas ao terceiro posto de Luis Piña, do Club Deportivo Delikia. O ouro foi para Rafael Jesús Sánchez e a prata para Jaume Gironés.

Na categoría feminina xuvenil, o título foi para Eva Fresneda, seguida por Mireia Caldentey (prata) e Helena Negro (bronce).

Todos os resultados aquí

 

Quizáis che interese…

Consulta toda a información  actualizada na seguinte ligazón...

Política de cookies

Este sitio web usa cookies para que lle poidamos ofrecer a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no seu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volve ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web lle resultan máis interesantes e útiles.