O sábado 25 de maio celebrarase en Cantabria a última proba do Campionato de España de Péntatlon Moderno

23 de Maio de 2013

A terceira e última proba do Campionato de España de seleccións autonómicas de Péntatlon Moderno celebrarase en Punta Parayas (Cantabria) o sábado 25 de maio, con Galicia e Cataluña loitando polos títulos nas diferentes categorías.

Galicia presentará un equipo de once deportistas que buscarán o podio. Entre os seleccionados galegos, destaca a presenza de Raul Blanco e Joel Rois, que actualmente están adestrando no Centro de Alto Rendemento de Barcelona, ou de Aroa Freije (campioa de España cadete, que se está a recuperar dunha lesión). Galicia ten opcións claras de proclamarse campioa de España principalmente nas categorías cadete e alevín, aínda que tamén pode pelexar noutras categorías.

O campionato de España por autonomías de péntatlon –nas categorías de benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil- está formado por tres probas. Nas categorías benxamín, alevín e infantil as e os deportistas realizan somentes as probas de combinada (carreira e tiro) e natación, mentres que en cadete e xuvenil tamén compiten en  esgrima. A proba de hípica só se realiza nas categorías superiores (xúnior e absoluto), que non están incluídas neste campionato.

 

A selección galega logrou un total de nove medallas (cinco ouros e catro pratas) na primeira proba do Campionato de España de Pentatlón Moderno por autonomías que se celebrou en Sant Boi de Llobregat o día 3 de marzo, mentres que na segunda proba disputada en Lugo acadou un total de doce medallas (cinco ouros, catro pratas e tres bronces).

 

Quizáis che interese…